30.6.17

Soñar en 360°

Hoxe soñei que volvía a Praga, sete anos despois.



Situábame no centro da praza elíptica de Náměstí Míru, onde orixinalmente hai unha igrexa. E daba voltas coa mirada sobre o eixo do meu corpo para atopar o lugar onde unha vez vivín. Aquel edificio de fiestras amplísimas. Intentaba recoñecer as molduras da súa fachada neoclásica, agora convertida, ou iso parecía, en escaparate de oficinas. A decepción non chegou a tocarme porque había luz e tranvías e parques e imaxes do recordo desfilando en derredor.

Xirando no soño, fun feliz.

Esta mañá, prendín o ordenador coma unha autómata. Despois do tedio da bandexa de correo, algo fixo que lembrase Náměstí Míru. Un click máis adiante estaba en google maps buscando unha vista 360°. E velaí. Volvía estar dentro do soño. Por un momento, volvín ser feliz arrastrando cursor e mirada sobre os edificios, xogando a forzar a lembranza para afirmar: era este! non, este! a cada paso. Outra vez en Praga.

E despois, recordei. Alí, con man tremorosa e pulso inexperto, gravei isto. O meu primeiro videopoema viña contradicirme, non había rastro da igrexa de Ludmila do outro lado da fiestra.

Xa non lembro cal era o edificio onde vivía, e non consigo atopar referencia espacial algunha alén das imaxes gravadas nese domingo lagarto. Todo apunta a que non estaba na praza. Pero volver a Namesti Miru, aínda coa certeza do soño, foi todo un bálsamo.



P.D. Alí nese lugar que agora non localizo descubrín tamén isto. A indicible calma do Moldava de Smetana. Acompáñame sonando lonxe dende esta mañá ata o final deste texto.

8.3.17

8 de marzo

Hoxe apetecíame escribir longo. Sobre o Día Internacional da Muller, #8demarzo:

Homes do mundo que vos incomodades ante un "Día da Muller" e reivindicades tamén un "Día do Home". Tranquilos:

Cando deixen de pagarnos menos ca vós no noso traballo, cando poidamos acceder a unha igualdade real de oportunidades e condicións laborais respecto a vós, cando deixemos de ver titulares do tipo "Morre unha muller a mans do seu marido" e os cambien por "Un home asesina á súa muller", cando deixen de matarnos, cando deixen de violarnos, cando deixemos de ter a necesidade de mirar ao noso redor obsesivamente cando imos soas de noite pola rúa, cando poidamos ir soas de noite pola rúa sen medo, cando deixen de menosprezarnos, cando deixen de xulgarnos antes polo noso físico ca polo noso intelecto, cando deixen de lexislar sobre o noso corpo unilateralmente, cando deixen de xulgarnos pola nosa decisión de maternidade ou non maternidade, cando deixen de marcarnos como responsables únicas e últimas dos coidados, das tarefas do fogar...

Cando sucedan estas, e outras moitas cousas, entón si: ese día poderemos todos e todas celebrar un "Día do Home" e "Día da Muller" igualitaria e alegremente. 

Ata entón, por favor, deixádenos que expresemos canto queiramos o desfavorable que é, na maior parte dos casos, a existencia deste noso 50% da humanidade. Moitas de nós fano todos os días do ano, traballando e loitando ás veces inadvertidamente para que a situación cambie. Así que, por un día no que concentremos voces, igual non pasa nada. 

Grazas pola comprensión.

28.1.17

Un videopoema que leveda

O ano pasado, abril trouxo a chuvia e levounos ao avó. Antes de que marchara, conseguín gardar recordo del facendo unha das cousas que mellor sabía facer: pan. 

É unha sorte de tradición que lembro dende pequena, a de amasar, cocer, sacar unha boa fornada de pan e empanada. Os avós sempre reservaban un anaco de masa para facernos unhas boliñas pequenas a miña irmá e mais a min. Eu devecía por tomar a miña nada máis saía do forno, aínda morna. 

Así naceu o videopoema "Adondar a lingua". A idea de gravar a meus avós neste proceso levaba levedando anos na miña cabeza. Entre as letras do poema orixinal xa estaban tamén miña avoa e miña nai. No vídeo final, amasamos toda a familia. 

Un día, decidín romper a barreira do íntimo e compartilo. E aínda non saín do meu abraio e agradecemento polo moito que viaxou. Agora mesmo hai máis de 800 persoas que viron a peza en Vimeo, a canle principal, recibín parabéns de moita xente que aprecio, vin como persoas que eu pensaba alleas á videopoesía se emocionaban co visionado, o vídeo foi reseñado nunha das webs de referencia da videopoesía internacional, MovingPoems, e incluso recibiu un premio Xuventude Crea.


Dende aquí, un inmenso GRACIAS. É emocionante comprobar como un sentimento persoal pode choutar así ata o colectivo. Oxalá siga levedando moito tempo. 

31.12.16

No seu despregar

Decembro comezou cun Nadal anticipado, vestido dun rosa neón que deslumbra. Así, o primeiro contacto con "No seu despregar". 

Editada por Apiario, "No seu despregar" é unha antoloxía que reúne "os temperos nerviosos" que percorren a poesía actual. Eses temperos somos 18 poetas nacidos entre 1985 e 1997: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.

As editoras, Antía Otero e Dores Tembrás, salientan que a selección non busca crear etiquetas, senón reunir distintas poéticas "que por diferentes motivos dialogan entre si, comparten referentes, lecturas, intereses e contexto". "Así nace esta obra, como un lugar de acceso a un pulso desaforado, a ese músculo vivísimo que bombea frescura, como un espazo no que coñecer poetas no seu despregar".




Ter o libro entre as mans é unha delicia. Todas as publicacións de Apiario amosan, só a simple vista, o coidado proceso de edición que levan detrás. Prestando maior atención apréciase o mimo, a consciencia, os ollos ben abertos, o tempo adicado a cada escolla, o desexo de agasallar cun produto valioso e prezado. Quen coñece ás editoras ben comprende e celebra os seus modos de traballo.

Formar parte da selección de poetas é para min un agasallo. Non só por ser acollida por un selo cuxa liña editorial me encanta, senón tamén por estar acompañada de poetas que admiro. Poetas que leo frecuentemente, que sigo nas redes e encontro en recitais, mesmo poetas que descubro despregando entre as páxinas da antoloxía. 

Oxalá estas páxinas despreguen as ás longo e lonxe. 

25.12.16

Lapis, cámaras... acción!


O pasado mes de novembro, gracias ó convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e coa colaboración do Concello da Coruña, impartín un obradoiro de iniciación á videopoesía no Centro Ágora

Fotografía: Mercedes Queixas Zas

Baixo o lema "Lapis, cámaras... acción!", puxémonos mans á obra para descubrir, facer e compartir videopoesía. O obxectivo do obradoiro foi proporcionar ferramentas e técnicas para fomentar a creación de videopoemas. Tentamos que cada asistente, logo de aprender sobre o xénero e os seus procesos creativos, crease o seu propio videopoema como produto final do obradoiro.

Lonxe de aspirar á perfección técnica, animouse a empregar as ferramentas ao dispor de cadaquén (teléfono móbil, programas de edición gratuítos, mesmo fotografías libres de dereitos) e a concentrar o aprendido nun exercicio sinxelo e acotado. O importante era ter unha primeira toma de contacto coa videopoesía e os seus procesos, que valese para practicar ou trasladar o aprendido con maior profundidade posteriormente.


Non podo estar máis contenta coa acollida, a curiosidade, os debates, o traballo e os resultados. Saíron do forno videopoemas fantásticos que superaron toda expectativa. E para mostra, un botón. Ou dous: O verbo, de Clara Vidal, e Pegada, de Paulo Fernández. 

Graciñas a todas e todos! 

31.8.16

KEPLER 452-B

Hoxe gravitou ata a miña memoria Kepler 452-b, escrito a estas alturas do ano pasado e publicado en Verdescuro (baixo a coordinación de Jesús Castro Yáñez e Sonia Marpez). Nestes días de noticias sobre asteroides e ruído intergaláctico, un anaco do arreguizo que sempre me acompaña.


KEPLER 452-B

24.07
Un rebumbio distorsionado de tambores roza a atmosfera de Kepler 452-b. Na superficie, apenas un tremor. Si o arreguizo. A resonancia metálica das ferreñas percorrendo o espazo ata 1.400 anos luz.

17.03 Flashback
En Cygnus gravitan estrelas que só coñecen o frío. Corpos que unha vez fixeron súa a órbita da couza. Entre elas, un ardorosísimo astro arrastra o seu obstinato 385 días antes de voltar da capo ó sol. A cada volta, afina un punto máis as súas cordas, para cando poida por fin berrar.

25. 07
“Planeta”, alguén cantou dende lonxe. O ansiado nome abrazou a atmosfera. Ese día, en Kepler 452-b os volcáns ferveron con máis forza ca nunca. Lava e rocha nunha aperta das que só a vitoria é quen de prender.

15. 08
Un xémeo no envés do espello. O que unha vez foi cume medra, inverso e centrífugo, en cráter. Cando a disonancia harmoniza, cóncavo e convexo son só adxectivos para a mesma carencia.

10. 09
En Kepler 452-b coñecen ben a orixe dos camiños. Aprenderon a amar o fulgor extinto dun trazo pendurado a 400 anos luz. Fixeron del a súa única deusa. A Vía Láctea, principio, tinta branca.

12.09

Reafirmarse na linguaxe. Poboarse de ecos. Aprender de memoria a curvatura da órbita, os accidentes xeográficos, as estrelas, a historia. Xogar a pensar que pasaría con todo se, por un lixeiro tremor, o epicentro cambiase.