Comparto hoxe "Profundidade de tacto", un dos últimos textos que escribín. Este conxunto de poemas foi premiado no certame Xuventude Crea 2016 e publicado no nº38 da Revista Dorna.
![]() |
Ilustracións de Sole Rei |
PROFUNDIDADE DE TACTO
Entre ti e a ferida,
nove pasos de diafragma.
F22
Recréaste na
precisión do trazo
a aspereza coa que a
dor
foi cristalizando
calquer pulsión de fuxida.
A cartografía dos
teus erros
desprégase
con punzante
nitidez.
F16
Descobres as túas
propias derrotas
bailando entre
xelatina e bromuro de plata.
O revelado é a
mellor autopsia, e a culpa
un latexar arrítmico
na caluga
que o tingue todo
de vermello.
F11
O ollo demanda
o que excede á
palabra.
Todo o que nos corrompe
sen veladuras.
Pulsión escópica.
É por iso que
buscamos
carne e pólvora no
envés da imaxe
na imaxe a máis
vívida das cores
na cor unha escalada
frenética de decibelios.
Que a imaxe se faga
corpo
[4K, 48fps, pantalla
LCD]
para que o ollo a
posúa.
F8
A fronteira
entre a dor e o
pracer
radica
no delicioso
desgarro
da presión.
F5.6
Hai feridas impronunciables
O que non se fixo
palabra,
non ten corpo nin
tacto.
E como salvar
ó descoñecido
da eterna hemorraxia.
F4
Canto máis cerca a
ferida
máis difusos os seus
lindes
[zoom]
e máis perigosa
a súa escuridade.
Todo baleiro
absorbe.
F2.8
Algo escintila entre
a negrura.
No punto de fuga, a
única casa coa luz acesa,
a que non ten camiño
máis que de ida.
A ese vagalume
difuso consagras a peregrinaxe.
Esfolas os cotenos
dando tombos polo bosque.
F2
Esperanza
esa nube calcificada
nas unllas que evidencia
a fraxilidade que
nos consome.
Unha fermosa e dura ameaza.
F1.4
Todo é ferida
Todo é fartura e carencia
coma as barrigas
infladas das letras.
Dende o ventre da
balea non se ve o horizonte.
Nin sol, nin compás,
nin medición algunha
para salvarte da
desmemoria.
Afondas na dor
e esqueces a
precisión do trazo
o cincel e a man que
esculpiu este
retablo de agonía.
Coas xemas
abrasadas,
percorres o teu
propio rostro.
Non te recoñeces.