30.5.12

Pintar as unllas


Temos
os laboratorios cosméticos máis avanzados do mundo
as mellores cremas
exprememos
ata caracois, con tal de expremer
o paso dos anos na cute.

Desenvolvimos 
unha marabillosa capacidade sinestésica 
para asignar unha cor
               a cada tempada
- ha llegado la primavera a El Corte Inglés -

Inventamos os suxeitadores sen costuras
acurtamos as saias
ata o límite da vertixe
modernizamos as faixas
aprendemos funambulismo 
sobre tacóns de 12 centímetros
ata o límite da vertixe.

Todo
para que aínda así sexa delito
para que sexa mesmo resistencia
pintar as unllas
en Arabia Saudí.


28.5.12

A porta verde

Este venres, versos e berros verdes reverberaron no Borrazás. 

Abriuse a Porta Verde do Sétimo Andar e entraron tantas cores como persoas a encher de poesía os espellos e as pedras. Foi un recital vivo e variado, rico en acentos. O tempo converteuse no discorrer de intervalos entre recitador e recitador (o durante non conta, os minutos parecían detidos no aire). E esas dúas horas, mentres a tardiña se vestía de noite, foron todo un regalo.

Coñecín voces que nunca tivera o pracer de escoitar. Sentinme acollida e en familia. Botei a sonar os audiopoemas por vez primeira e chegáronme ecos de gargalladas e brillo nos ollos. Descubrín poetas marabillosos e marabillosas. Así que non podo máis que dar as gracias ós amigos d'A Porta Verde do Sétimo Andar por deixarme compartir con eles unha tarde ben bonita entre voces, birras e versos. 

Velaquí vai un artigo xenial de Paco Gallego e un par de fotiños do encontro.

15.5.12

De espellos e bonecas rusas

Produto da miña "obsesión" coas matrioshkas e os espellos naceu este novo reflexo de luz.

O poema é de Código Morse (2010). A dedicatoria vai, desta vez, para Olaya, unha bonequiña rusa que agora está lonxe pero anda sempre repenicando dentro da miña caixa de madeira. Os agradecementos especiais son ó sol, por darme unha tregua de calor e lembrarme como presta deitarse na herba dos parques. E a Cris, por ser quen de abrir o caixón escuro e enchelo de panorámicas descoñecidas, máis aló de Galeras.



1.5.12

Matrioshkas

A semana pasada compuxen un tema e recuperei unha paixón perdida, a de xuntar corcheas e silencios. Hoxe escoiteino de novo e seméllame un anaco de banda sonora.

Agora só me queda facer a película...

21.4.12

Poema para escoitar no Bershka

Chegou abril e con el o descanso post-rebaixas. Da histeria colectiva só quedan un par de tallas soltas, descatalogadas, engurruñadas nun recuncho calquera á sombra das prendas de tempada. 

Mais no Campus Norte estase a fraguar unha nova revolución. Unha forza subterránea arrastra a estudantes (na súa maioría, mozas) ás tendas de roupa, onde remexen nas estanterías, ispen as perchas, gastan o chan dos probadores, poñen a proba a paciencia de nais e dependentas... Esa forza chámase "Acto de licenciatura".

Si, licenciámonos. E durante este mes de lumes, recortes, dimisións, cacerías e demais cousas que producen especial repugnancia, a maior preocupación de moitas foi conseguir nada máis e nada menos que o vestido perfecto. É moita a presión á que estamos sometidas (e nos deixamos someter). Ademais das esixencias sociais e demais espectativas de obrigado cumprimento, nós tamén nos vemos afectadas polos presupostos xerais dos licenciados (este tipo de trapitos non saben da palabra austeridade), polos recortes (en azucres e graxas, sobre todo) e as medidas de axuste (entrenamentos intensivos de media hora correndo na cinta para superar o campionato mundial de subida de cremalleira). 

Por todo isto e moito máis, propoño unha dose de calma e risas ó final de cada verso. Un antídoto contra a obsesión compartida. Un poema para escoitar no Bershka. 


(Desta volta, con música orixinal composta para a ocasión por celiaparra. Mamá, se non consigo traballo de audiovisual métome a DJ)


12.3.12

Domingo Lagarto

Os domingos no sofá son unha celebración. E máis aínda se o sol entra pola fiestra e viste a pel de calor. 
Froito dun domingo lagarto naceu este anaquiño de luz e son: 

24.2.12

O infinito nunha botella de Mondariz

"El poema es, sí, una combinación de palabras,
pero su armonía no depende
-sólo-
de la naturaleza del sonido y de los timbres
ni del espacio vacío que desplaza,
depende, también,
de la nostalgia de infinito que despierte
y de la clase de revelación que sugiera"

Cristina Peri Rossi

O martes pasado fun, unha vez máis, ó Picaversos. Gracias á iniciativa de Olalla Cociña e Branca Novoneyra, a poesía enche quincenalmente os arcos desa antiga corte de cabalos que hoxe se deu en chamar Modus Vivendi. E dá gusto ver como resoa. Xa pasaron por alí moitas voces e moitas músicas, congregadas arredor de temas como a loucura, a música, a ferida, Lois Pereiro, os soños, os inocentes, os irredentos... e agora os míticos.

Desta volta foron Estíbaliz Espinosa, Manuel Outeiriño e Manuel Cortés quen pintaron de versos propios e alleos as paredes de pedra. Manuel Cortés falou dos "míticos poemas" e dos poemas míticos, agasallándonos co rap dun poema de Celso Emilio acompañado con base musical de Nintendo DS. Outeiriño, moi mítico coma sempre, abriu as comportas da súa fala de fervenza e filosofou sobre poesía, política e historia. E Estíbaliz Espinosa amosounos a súa maletiña de obxectos míticos e premiou cou filloas ós que acertasen os autores dos versos que ía ceibando. 

Estíbaliz é a medium do extraterrestre, do científico, do biónico. Doutros mundos que ela mesma crea, ou que quizais están ahí, entre nós, agachados na sombra. Entón descóbreos e quítalles o antifaz coa puntiña dos dedos. É o caso do infinito que se esconde nas botellas de Mondariz. Son ben coñecidas as "míticas" metáforas que se usan sempre para nomear o infinito: matrioshkas, espirais, fractais... Porén, para ela a metáfora perfecta non é outra cousa que unha botella de Mondariz. De nena reparou en que a etiqueta ilustra un home collendo unha botella, que ten a etiqueta dun home idéntico collendo unha botella igualmente idéntica, coa conseguinte sucesión de etiquetas. E descubriuse a si mesma intentando enxergar, lupa en man, ata onde chegaría esa cadea de homiños e botellas. 

Gústame esa reflexión, porque amosa que aínda nos queda moito por descubrir, se abrimos os ollos e acendemos a intención de ver. Que deberiamos recuperar a ollada inocente e aberta dos nenos. Que hai recantos onde a realidade se reprega e escorrega en matrioshkas, eclosiona en fractais, e a poesía das cousas emerxe entón dunha sombra en espiral. Os versos son eternos.


1.1.12

Pe

A risco de resultar pedante, direi que empezo o ano con bo pe, de poesía. Empezo con forza e cargadiña de proxectos, que son a mellor gasolina pra ir arrincando motores nesta nova autoestrada  (esperemos que non se convirta nunha pista de terra, de tanto recorte e tanta austeridade...)

Se todo vai ben, pra finais de mes sacarei do forno un CD cos audiopoemas que fun cociñando ultimamente. Serán 12 pistas de paranoias auditivas, pra escoitar na casa, na rúa, no Bershka, ou en calquera destes inventos tecnolóxicos que teñen unha i pegada ó principio do nome.

De momento, aquí deixo unha pílula sonora pra aliviar a resaca post-fin de ano.

Saúde, e feliz ano!

8.12.11

Tempo

Velaquí o meu último experimento sonoro.

O silencio é o tempo da dúbida.
A incerteza, ese non dar co ritmo xusto.
A desesperación, un resoar de ritmos que estala a tempo na cabeza.



O poema é de Código Morse.
O nerviosismo vén de fábrica.

1.12.11

A sinfonía do almorzo

- Todas as mañás, nada máis erguerme, síntome o mellor director do mundo. Dentro de pouco estrearei a miña obra máis ensaiada e xenial: "A sinfonía do almorzo"!

- Pero que dis? se o único que es capaz de dirixir é a moto entre os pitidos do tráfico, e xa che custa...

- Bo, isto vai en serio, déixame que che explique!

-Déixate de lerias e pásame o café, que inda vai saír por fóra...

- Mira, atende un chisco:

Primeiro hai unha intro de paxaros, moi miudiña, in crescendo. O despertador corta en dous aire e soño, loitan as sabas como nubes e timbais e despois a persiana pon fin, cun golpe seco, ó espertar. 
O primeiro movemento transcorre na cociña. Empeza fervendo o leite, andante ma non troppo, únese un solo de cafeteira que aumenta a súa furia, como un gurgullar de corcheas que estoupa marrón e fume no punto de ebullición. E as tostadas, que saltan cantareiras coma flautas, pechan o tema cos seus doces pizzicatos.
Despois poño fin ó concerto coas miñas culleres-batuta e devoro famento a orquesta enteira.

Que che parece?... cres que tería éxito?

- Pois non che sei, como papes os teus propios instrumentos non vas pasar da estrea... Atende ó café, anda...