Retomo a palabra que enmudeceu aquí dende hai ben tempo: a escrita. Ultimamente estiven máis audiovisual que literaria, e foi esmorecendo o manancial de tinta. Mais non é de escrita do que viña a falar, senón de voz. De palabra falada.
Hai dous días tiven a oportunidade de publicar unha columna na versión impresa do diario Sermos Galiza, grazas a unha colaboración que mantén coa Asociación de Escritores en Lingua Galega. Trátase dun pequeno artigo de opinión arredor da calidez (e calidade) da voz. E di así:
A VIVA VOZ
Celia Parra Díaz
Somos
contadores de historias. Levámolo no sangue. Desde as ateigadas ágoras ata as
íntimas lareiras. A voz ten un aquel de proximidade e emoción que dificilmente o
papel pode emular, que prende no recordo e deixa raíces. E nós sabémolo ben.
Grazas a ese aquel, a oralidade foi durante moito tempo o método de transmisión
de gran parte da nosa literatura: cantigas de amor, de escarnio e maldizer,
alboradas, romances... Mais non só da lírica. Hai contos e lendas que foron
pasando de xeración en xeración ó acubillo das noites de aldea. Porque non hai
mellor papel que as orellas e os ollos ben abertos dos que escoitan falar ós
avós.
É
curioso que neste tempo dixital, no que as novas xiran arredor da morte do
papel e a prensa escrita, no que se recibe con entusiasmo e recelo a aparición
de novos soportes coma o e-book ou o iPad, esteamos en realidade volvendo ás
orixes. Ultimamente estase producindo unha recuperación notable da voz falada.
Abondan as sesións de conta contos ou os slams poéticos. Estes últimos,
combates próximos á regueifa nos que varios poetas berran versos a viva voz.
Sen imaxes, sen música, sen artificios. Tan só a tarima dun bar ou dun
escenario e maila súa voz. Alén
de achegar a poesía ó público e mesmo aumentar a súa aceptación, os slams
lémbrannos que, neste tempo dixital, a gorxa é o aparello “analóxico” máis
barato, efectivo e poderoso para espertar emocións. Tan só hai que limpar os
oídos de ruído e, como fixo Ulises coas sereas, deixarse engaiolar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario