23.9.12

Metro

Quand surts per fer el viatge cap a Itaca
has de pregar que el camí sigui llarg
ple d'aventuras, ple de coneixences...

Praia da Barceloneta, setembro

Sigo navegando cara a Ítaca. Despois de tantas idas e venidas aprendín a ser funambulista sobre as vías do tren, a voar a cabeza por enriba de nubes e cidades. Para Ítaca non valen os mapas. Nin os manuais de instruccións, nin os "en caso de emerxencia chame ó..."

Ultimamente penso que a miña vida se parece moito a un longo corredor do metro. Unha fileira de luz ilumina o traxecto en cenital. Ós lados, muros comestos polo tempo e rabuñados por palabras que aspiran a apreixar algunha forma de permanencia ("Luis estivo aquí"). Entre as paredes, moita xente. Cada un cunha dirección nos pés e moitas veces outra distinta na mirada. De algún recuncho sae música de acordeón, unhas veces melancólica e outras vitalista, e unha voz reverberada besbexa melodías en idiomas incomprensibles. Ó longo do corredor hai moitas saídas, unha a cada lado. Cada dous pasos aparece unha, co seu respectivo corredor, co seu respectivo balbordo de xente, coa súa respectiva melodía.

E nunca sei cal coller... Ás veces asómome ata chegar ás vías, calculo a lonxitude do corredor, entenderei o idioma das cancións e as xentes? haberá saída?... E moitas veces, tamén, retrocedo e volvo ó corredor entral, tanteo uns pasos cara a outras vías, volvo atrás, a luz cégame os ollos...

Abofé que o camiño é longo, cheo de aventuras pero, sobre todo, cheo de coñecemento. Eu sigo navegando. Só espero dar coa miña saída, e chegar a tempo para coller o último tren, que é sempre o que marca o principio da nova viaxe. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario