10.9.12

Verso a verso

... verso a verso, me enamoré de ti...



SECUENCIA FINAL- EXT./ DÍA: Praza da Quintana
(Sol de mediodía. Celia senta nas escaleiras da Quintana e pasea a mirada pola praza)

Si, chegou o día. Nalgún momento habería que despedirse da cidade que me namorou durante catro anos. O noso foi amor a primeira vista. Recén chegada, seduciume coas súas eternas mil e unha noites, levoume ós mellores bares e colocou música en cada recuncho para que fose creando a miña propia banda sonora ó camiñar. Logo viñeron os recitais, os filmes, as personiñas que foi poñendo no meu camiño, a chuvia, os apuntes e fotogramas, os amenceres sen peinar. Durante o terceiro ano mantivemos unha relación a distancia. Malia que Praga se convertiu na miña máis intensa amante, Compostela nunca desapareceu do interior do meu peito. Este último ano transcorreu entre a ledicia de volver á casa e a incerteza da que se adiviña próxima a abandonala. E baixo a Berenguela é ben sabido que o tempo flúe de maneira distinta... Estes catro anos esvaéronse no tempo que tarda unha caña en desaparecer do vaso. Pero abofé que bebimos a vida a grolos grandes. Compostela é esa bebida quente que nunca sacia. 

(Aparece un velliño de barba e sombreiro. Trémenlle as mans. Leva un libro. Párase diante de Celia e sorrí.)

- "Le dice la luna al sol, me tienes abandonada, yo que espero tu calor asomada en la ventana..."

(Continúa recitando palabras xa esquecidas)

- Te gusta la poesía?

(Intercambian algunhas palabras. A el trémenlle as mans. A celia a voz. El marcha)


De repente comeza a tocar jazzman, oculto trala súa negra máscara. Sona unha mestura de blues e bossa nova que enche de corcheas a praza. A Berenguela toca as doce. E nese momento sinto como Compostela ergue paseniño os seus brazos e me funde nunha aperta quente de pedra. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario