8.10.12

Slam Poetry e a poesía polbo á feira

Agora que o tempo vai revirado e o frío abofetea outono na cara con forza, ofrézovos un plato quente de sopa de letras, cargado das novidades máis fumegantes. 

O venres participei no Slam Arousa, un torneo poético moi apañadiño que Sther F. Carrodeguas tivo a ben organizar. Trátase dunha xuntanza aberta de recitadores que percorrerá a illa de Arousa, con paradas en Taragoña, Ribeira, Boiro e Vilagarcía. De cada torneo sairá elexido un gañador, que pasará á fase final galega e, se hai sorte, á estatal. 

Desta volta eu tiven sorte e fun nomeada gañadora! Así que mil graciñas ós que estivestes no Curral do Marqués, non por votar, senón por compartir unha noite de versos xenial. Descubrín voces marabillosas, cheas de pementa e azucre, raiba vermella, sexo entre letras, asubíos e gargalladas. Vémonos na próxima! Pola miña banda escoitáronse, malia que sen base sonora, o descapotable e o poema para escoitar en Bershka. É un puntazo notar que a retranca se contaxia e devolve sorrisos. 

E todo isto serviu para alimentar a miña crenza de que a poesía debe servirse como tapa nos bares, acompañando á cervexa e á conversa. Que non só está nos libros e nos auditorios, que presta máis cando a compartimos mirándoa ós ollos, de preto. Só así, lambéndoa, mastigándoa e convidando a todo o mundo á comida, deixará un saborciño gustoso nos oídos... e nos estómagos. Destas cousas, e algunhas máis, falo neste novo artigo para Letra en Obras: "Poesía polbo á feira".

Máis nada, eu sigo cociñando cousas, cando teña listo o próximo plato xa berrarei ben forte...
A COMER!!!


4 comentarios:

  1. Gústame non....encántame!

    Un saudiño!!

    O recitador de...."Benvido a Facebook" ;D

    ResponderEliminar
  2. Graciñas!! por certo, moi grande o poema do Facebook!

    ResponderEliminar
  3. Moito me gustou o poema do Bershka... Déixoche unhas letras do meu blogue en castellano e saberás porqué: https://estonoesyugoslavia.wordpress.com/2012/05/28/en-el-seno-del-problema/

    ResponderEliminar
  4. jajajajajaj ENOOOORME (dígoo polas letras, non polas...)
    acabas de suavizar o meu "complexo" de planicie!
    saúdos

    ResponderEliminar