Hai uns meses recibín un convite para participar nun libro colectivo en homenaxe ós Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Asignáronnos a cada unha un feixe de versos para que, a partir deles, elaboraramos un novo texto.
Hoxe celébrase o Día de Rosalía e a publicación xa voa internet arriba e abaixo. Podedes descargar aquí os 150 Cantares para Rosalía e detervos a ler canta cousa bonita hai. Pecha o volume o meu texto (cousas de ser a máis nova da orde cronolóxica) que deixo tamén por aquí:
Non me
espriquei cal quixera
pois son de
espricansa pouca;
si grasia en
cantar non teño
o amor da
patria me afoga
ROSALÍA DE CASTRO
Dixen
carballo
e respondéronme eucalipto.
Dixen
fervenza
e respondéronme encoro.
Dixen
muller
e respondéronme labrega.
E
será que non me explico ben,
que
non entenden a cadencia desta lingua de cumes e ondas,
pero
quixen falar de loita e entendéronme choros.
Prendín
no tendal as palabras todas
que
me arrolaron dende nena
para
que preñen de vento e bailen o teu nome
e
sexan, coma ti, matrioshkas
nais
desdobrando un país sen lindes.
Pero
será que non canto ben,
que
desafino de tanto amor afogándome o peito
e
son roncón antes de enfiar a muiñeira.
Porque
me desbordan as palabras e cando dixen patria
respondéronme
pequena
e
cando dixen lingua seláronme a fala
e
son chorima e gardo baixo os pétalos
a
aspereza de tantos anos a resistir a violencia.
Pero
eles
eles
entendéronme flor.
Parece que as verbas sempre estiveron ahí, soamente tiñas que dicilas.
ResponderEliminarLeva sempre no bico un cantar.