6.1.14

Volver



Contracampo

I-
A ansiedade era
poñer interrogacións a clarear en corda pita
e observar a traxectoria de cada pinga
precipitarse contra o cemento
a cámara lenta
antes
de que todo estoupase.



II-
Foi
un enxordecer das horas
unha certeza a cincelar o aceno
mentras fóra de cadro todo treme.
Foi corcheas ardendo nos pés
e un ritmo a tempo que xa non se detén
ó final do pentagrama



III-
Lembra
Ícaro
que a abrasión é a máis sedutora das saídas
que máis aló do sol se proxectan
átomos de po incandescente
butacas desde as que contemplarte en cenital
espellos extintos.




*propósito de aninovo... volver. encher de letras a paréntese

31.7.13

Vaga de calor

“Unha vaga de calor asolaga o noso país. O risco de incendios dispárase e xa foron postos en marcha os dispositivos de emerxencia...”






Unha vaga de calor.
Alerta vermella.
Helicópteros.

Cen hectáreas calcinadas e nós
avivando o lume

que devora o cuarto

14.7.13

Se Magritte fose poeta

Ceci n’est pas une pipe
Isto non é un poema

Ceci n’est pas une pipe
Isto non son eu

C’est la vie
Isto  es ti
que les

agora


7.7.13

A viva voz

Retomo a palabra que enmudeceu aquí dende hai ben tempo: a escrita. Ultimamente estiven máis audiovisual que literaria, e foi esmorecendo o manancial de tinta. Mais non é de escrita do que viña a falar, senón de voz. De palabra falada. 

Hai dous días tiven a oportunidade de publicar unha columna na versión impresa do diario Sermos Galiza, grazas a unha colaboración que mantén coa Asociación de Escritores en Lingua Galega. Trátase dun pequeno artigo de opinión arredor da calidez (e calidade) da voz. E di así:


A VIVA VOZ
Celia Parra Díaz


Somos contadores de historias. Levámolo no sangue. Desde as ateigadas ágoras ata as íntimas lareiras. A voz ten un aquel de proximidade e emoción que dificilmente o papel pode emular, que prende no recordo e deixa raíces. E nós sabémolo ben. Grazas a ese aquel, a oralidade foi durante moito tempo o método de transmisión de gran parte da nosa literatura: cantigas de amor, de escarnio e maldizer, alboradas, romances... Mais non só da lírica. Hai contos e lendas que foron pasando de xeración en xeración ó acubillo das noites de aldea. Porque non hai mellor papel que as orellas e os ollos ben abertos dos que escoitan falar ós avós.

É curioso que neste tempo dixital, no que as novas xiran arredor da morte do papel e a prensa escrita, no que se recibe con entusiasmo e recelo a aparición de novos soportes coma o e-book ou o iPad, esteamos en realidade volvendo ás orixes. Ultimamente estase producindo unha recuperación notable da voz falada. Abondan as sesións de conta contos ou os slams poéticos. Estes últimos, combates próximos á regueifa nos que varios poetas berran versos a viva voz. Sen imaxes, sen música, sen artificios. Tan só a tarima dun bar ou dun escenario e maila súa voz. Alén de achegar a poesía ó público e mesmo aumentar a súa aceptación, os slams lémbrannos que, neste tempo dixital, a gorxa é o aparello “analóxico” máis barato, efectivo e poderoso para espertar emocións. Tan só hai que limpar os oídos de ruído e, como fixo Ulises coas sereas, deixarse engaiolar.

30.4.13

Cuspe


Hei levantar a praia para enterrar o que queda de ti
Coma quen oculta
baixo os 2.000 euros de alfombra pakistaní mercada nos chinos
a suciedade da casa.
Así a aparencia triunfa de novo
sobre a dor.

E non é entroido mais gardo anacos de plástico
incrustados na pel,
cicatrices do que quixen ser
e doe
doe
doe pero esforceime e construín
un crebacabezas de ilusións e cemento
para facerme máis forte.
Levantei a pel e varrín
o que non
o que bágoas
o que negro.

Por iso agora
teño este sorriso tatuado e sangro
polas comisuras
estou feliz
estou fodidamente feliz
e ninguén poderá dicir
que  me afecta o tempo ou as lúas
os fracasos, que estés lonxe,
as facturas, a merda
baixo a alfombra,
porque teño un sorriso tatuado e formigón no peito.

Por iso mentres levanto a praia
e vai un sol radiante
un ceo lento e líquido
chanto a pala na túa gorxa e digo
SORRÍ

23.4.13

Se sienta a la mesa y escribe


Os libros existen porque alguén, malia todo, senta á mesa e escribe


Confianzas, Juan Gelman

“con este poema no tomarás el poder” dice
“con estos versos no harás la Revolución” dice
“ni con miles de versos harás la Revolución” dice

y más: esos versos no han de servirle para
que peones maestros hacheros vivan mejor
coman mejor o él mismo coma viva mejor
ni para enamorar a una le servirán

no ganará plata con ellos
no entrará al cine gratis con ellos
no le darán ropa por ellos
no conseguirá tabaco o vino por ellos

ni papagayos ni bufandas ni barcos
ni toros ni paraguas conseguirá por ellos
si por ellos fuera la lluvia lo mojará
no alcanzará perdón o gracia por ellos

“con este poema no tomarás el poder” dice
“con estos versos no harás la Revolución” dice
“ni con miles de versos harás la Revolución” dice
se sienta a la mesa y escribe


9.4.13

Creatividade e autoría na cultura do remix

Volvo ás andadas. Hai pouco re-abrín anaco de pantalla propio na web de Letra en Obras. Sempre é un impulso xenial para "obligarse" a escribir... e pensar. Facelo de forma consciente, constante, contundente. Como a arma de futuro que a literatura debe ser. 

Desde que naceu aló polo 2011, Letra en Obras mantense como fervedoiro de opinións, novas letras e información sobre literatura (e arredores) do que non deixan de xurdir cousas interesantes. Mergullarse na páxina é atopar entrevistas, reseñas, opinións, certames, reportaxes, relatos... e, sobre todo, voces que teñen moito que dicir. 

No caixón nada desastre de Opinións arremuíñanse desde Samuel L. Paris a Vidal (dos meus favoritos, hei recoñecer), pasando por Andrés Carrasco, Carla Capeáns, Albert Tortajada, Samuel Solleiro... e eu, incluso. 

Noutros artigos teño falado de Ítaca, do polbo á feira, de árbores ou da insoportable levidade do ser. Neste falo de Pitbull, da orixinalidade e do remix. O resultado de tal caótica mestura... aquí. 

Esperemos que a primavera me axude a florecer ideas... co que está chovendo, malo será. Seguiremos informando.