20.1.13

Poetry Slam Vigo

O sábado pasado emprendín a miña particular road-movie poética cara a Vigo, onde atracou unha nova edición do Slam. Eu son afiliada e fan incondicional do Slam Arousa, pero estes de Vigho, non o negho, tamén saben o que fan. Sábeno (e fano) moi ben! 


A Cova dos Ratos era un festival de cor. Libros, estanterías enteiras de libros, globos, cadros, nenos choutando entre os coxíns a pé do escenario... Miguel Ángel Alonso Diz (poeta e amigo que coñecín ó atravesar A porta verde do sétimo andar) deu o pistoletazo de saída ó Slam acompañado dun grupiño de rapaces moi feitos. Comezou cunha proxección de videopoemas: o After dark de DandyLady, o En galego de Miguel, e o meu Espéciame


E eu, que ía tan só a ver, acabei recitando! E acompañada dun pedazo músico, Isaac Garabatos, ó que admiro dende hai tempo,  que "garabateou" unhas corcheas á guitarra pra encher os ocos do poema. Ou máis ben recitei eu como complemento á súa música... O resultado, unha marabilla.

@s poetas que participaron na competición, do mellorciño, algúns foron un gran descubrimento. Houbo tons distintos e distintas sensibilidades, pero todas cunha voz firme e coa convicción de que, na poesía, inda queda moito por berrar.  Entre o público vibraron os aplausos e as gargalladas, así que o ambiente tamén foi moi especial. A gañadora desta ronda foi Sther F. Carrodeguas, organizadora do Slam Arousa, que por unha vez puido poñerse diante do micro pra recitar e desbordou forza e enerxía a mares. Sther recitará comigo este sábado 26 na presentación de RE(C)VERSO en Rianxo, á que estades tod@s convidad@s por certo!


Para pechar o recital, Isaac Garabatos e Santiago Ferragud, de Xardín Desordenado, tocaron un par de pezas incriblemente xeniais. 

Así que non podo dicir máis que GRAZAS a Miguel por me convidar a recitar, a Isaac pola súa amabilidade, ós poetas por compartir o seu brillo, e a todo o mundo que estaba alí, porque a verdade é que foi unha noite ben ben bonita!

No hay comentarios:

Publicar un comentario