1.4.13

SLAM AROUSA

"Algún día os iPhones iranse ao carallo. A poesía NON"

Así arrincaba Sther F. Carrodeguas a final do Slam Arousa, que levou a poesía de bar en bar pola ría. E o sábado a Illa de Arousa foi por unhas horas o...

Alí xuntámonos todos para compartir música e voz. Foi un paraíso moi familiar, porque reuníu a todas  as persoas que fun coñecendo polo camiño, as "eslamistas" incondicionais. E tamén familiar porque "amiguei" con xente nova da que xa son totalmente fan. 

Houbo música con sabor contemporáneo (as improvisacións con efectos de Pablo Sax), con sabor  tradicional (o acordeón de Sabela) e con sabor a poema (o trío Pedro Campos-Sther-Sabela). E si, moitos versos dos que fan escachar de risa ou quedar coa boca aberta.

Aquí podedes ler unha crónica sobre como foi o recital. En breves, os rapaces da editorial Axóuxere subirán o vídeo que andiveron grabando durante a noite. E entrementres, un par de fotiños: 






27.3.13

Novoneyra en Nova York



Que sería de nós sen Ronseltz!!

Só direi que hoxe topei cunha escolma de Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados e... alegroume o café. Pero moito. Retranca, surrealismo e risas a esgalla!

Deixo aquí un xenial remix do poeta do Caurel:

NOVONEYRA EN NOVA YORK


                    I
                   O poeta paga dez dólares nunha
                   gasolineira de Harlem por un
                   Cacaolat

Harlem dos negros fumes que ollan de Lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que vale un peso.

                    II
                    B.B. King ofrece un recital
                   desde o piso 122 do Empire
                   State Building

No bicarelo do bico do brelo
canta un home negro
no mesmiño
bicarelo do bico do brelo.

                  III
                  Novoneyra, reflexionando,
                  perde o taxi por non estar
                  atento.

Este taxi que pasa
¿é meu ou colleumo ela?

21.3.13

Día da poesía


Hoxe amencín entre páxinas.
Acubillados ó calor da colcha, tres poemas para celebrar o Día Mundial da Poesía.

(E máis un impresincindible, en vídeo:
                  MARÍA LADO E LUCÍA ALDAO)


WISLAWA SZYMBORSKA
En realidade cada poema
podería ter por título "Instante".

Chega unha frase
en tempo presente,
pasado e incluso futuro.

chega que calquera cousa
traída por palabras
renxa, reluza,
voe, nade
ou tamén garde
unha suposta inmutabilidade,
pero cunha sombra móbil;

chega que se fale
de alguén ao carón de alguén
ou de alguén ao carón de algo;

ou de Antón que ten tinta no tinteiro
ou xa non a ten;

ou doutros Antóns,
tintas e non tintas,
doutros cadernos
folleados polo vento;

chega se ao alcance da mirada
o autor coloca temporalmente montañas
e perecedoiros vales;
e se ante esta ocasión
menciona o ceo
só en aparencia eterno e estable;

se aparece debaixo da nam escritora 
quizais a única cousa
chamada cousa de alguén;

se negro sobre branco,
ou aínda que sexa en suposición
por un motivo importante ou insignificante,
son colocados uns signos de interrogación
e en resposta
se dous puntos: 



CRISTINA PERI ROSSI
Es bueno recordar -frente a tanto olvido-
que la poesía nos separa de las cosas
por la capacidad que tiene la palabra
de ser música y evocación,
además de significado,
cosa que permite amar la palabra infeliz
y no el estado de desdicha.
Todo lo cual podría no volver a ser dicho
si el lector
-tan desmemoriado como cualquier poeta-
recordara un poema de Joao Cabral de Melo Neto:
Flor es la palabra
flor, inscrita
como verso en el verso,
que leí hace años,
olvidé después
y hoy he vuelto a encontrar,
como tú, lector,
lectora,
haces ahora.



JOSE ÁNGEL VALENTE
Contemplo yo a mi vez la diferencia
entre el hombre y su sueño de más vida,
la solidez gremial de la injusticia,
la candidez azul de las palabras.

No hemos llegado lejos, pues con razón me dices
que no son suficientes las palabras
para hacernos más libres.
                                           Te respondo
que todavía no sabemos
hasta cuándo o hasta dónde
puede llegar una palabra,
quién la recogerá ni de qué boca
con suficiente fe
para darle su forma verdadera.

Haber llevado el fuego un solo instante
razón nos da de la esperanza.

Pues más allá de nuestro sueño
las palabras, que no nos pertenecen,
se asocian como nubes
que un día el viento precipita
sobre la tierra
para cambiar, no inútilmente, el mundo.



Propósito: deitarme con versos máis a miúdo. E prolongar día tras día a celebración. Entre as sabas. Entre páxinas.

17.3.13

Pizarnik

L'obscurité des eaux


Escucho resonar el agua que cae en mi sueño.
Las palabras caen como el agua yo caigo. Dibujo
en mis ojos la forma de mis ojos, nado en mis
aguas, me digo mis silencios. Toda la noche
espero que mi lenguaje logre configurarme. Y
pienso en el viento que viene a mí, permanece
en mí. Toda la noche he caminado bajo la lluvia
desconocida. A mí me han dado un silencio
pleno de formas y visiones (dices). Y corres desolada
como el único pájaro en el viento.



                                                                                   Alejandra Pizarnik



                                                               Ilustración: Paula Bonet






21.2.13

Rosalía e a porta verde

Este vai ser o domingo máis poético de todos os domingos. Por unha vez, as mañás de misa ou de resaca, as comidas na aldea e o ritmo lento das cidades quedarán en segundo plano. O día vestirase de letras, prenderemos 150 candeas sobre o lombo dun libro e celebraremos o recordo dun 24 de febreiro de 1837, no que as campás de Bastabales repenicaron polo nacemento dunha muller especial: Rosalía de Castro. 

Rosalía, poeta nosa, da que sobran xa as descricións. Muller e escritora, ou viceversa, que lonxe de afogar nos choros (como moitos ousaron dicir durante un tempo) cantoulle ó amor e á saudade, á terra e á emigración, á inxustiza e á opresión, á muller e á sociedade galega. Este ano cúmplese o 150 aniversario da publicación dunha das súas grandes obras: "Cantares Gallegos". 

Malia que a súa presenza é tanxible durante todo o ano, arredor desta data edifícanse varios actos conmemorativos que teñen por obxectivo lembrar, celebrar, difundir e arroupar a figura de Rosalía, vital nas nosas letras. Ademais de iniciativas privadas, súmanse á festa da palabra centros educativos de todo o país, concellos, bibliotecas... A axenda da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) recolle boa parte deles.

O centro Ágora d'A Coruña acollerá este sábado ás 19h un recital colectivo sobre Rosalía, organizado pola AELG. Alí estarei eu recitando con toda a ilusión do mundo versos desta gran muller. Escollín tres poemas de Cantares Gallegos e Follas Novas cos que Rosalía berrou hai anos consignas que andamos nós agora a repetir pola rúa. Triste exemplo.

Ademais diso, esta fin de semana tan chea de letras reunireime de novo cos amigos d'A porta verde do sétimo andar, aqueles que me tenderon a man a primeira vez que recitei n'A Coruña. Para os que queirades unirvos ó "coche de liña", estas serán as paradas do sábado: 

- Ás 13.30h realizaremos un "Desembarco poético" na librería A Librería de Cambre. 



- Ás 20h estaremos na librería A lus do Candil de Arteixo 


Medo me dá tanto verso xunto, en realidade adoito ser un desastre coas datas e os transportes, así que se vedes que o tráfico colapsa de letras as estradas, se se me cruzan as liñas e me perdo no camiño... seguide a liña de puntos suspensivos. Agárdovos ó final da estrofa. Enfiamos rima e arrancamos.

14.2.13

Anuncios por palabras


ANUNCIOS POR PALABRAS

Búscase poeta
boa remuneración

Importante multinacional busca poeta en prácticas para o departamento de contabilidade. As súas tarefas serán versificar facturas e recitar mensualmente os orzamentos para presentárllelos ó equipo directivo.

Requisitos:
- boa presenza
- experiencia mínima de 2 poemarios demostrables
- nivel avanzado de inglés
- flexibilidade métrica 
- imprescindible poder firmar convenio de prácticas coa universidade ou centro escrito
- dominio de ferramentas informáticas coma o papel e o bolígrafo
             (coñecementos de ordenador serán altamente valorados)


9.2.13

Así o meu corpo sen ti

Erguerse cedo, moi
cedo a mañá dun sábado
o inverno
afía os cantos dos edificios
despoboa de pasos as beirarrúas
          a cidade
atravesa o último limiar do soño.

E neste western metropolitano
non hai rodas de herba seca que rachen a tensión
apenas o eco dun suicidio ó lonxe    borrachos
 baténdose en duelo á porta dos bares
o silencio dunha lei
         que aínda dorme.

É difícil facerse paso entre o aire
aínda non viñeron os coches reactivar o sangue
hai semáforos que palpitan
por non se sabe quen
                             coma autómatas
como un xeito estraño de resistencia.

Así abrasa a ausencia na cidade.

              Así o meu corpo sen ti.

20.1.13

Poetry Slam Vigo

O sábado pasado emprendín a miña particular road-movie poética cara a Vigo, onde atracou unha nova edición do Slam. Eu son afiliada e fan incondicional do Slam Arousa, pero estes de Vigho, non o negho, tamén saben o que fan. Sábeno (e fano) moi ben! 


A Cova dos Ratos era un festival de cor. Libros, estanterías enteiras de libros, globos, cadros, nenos choutando entre os coxíns a pé do escenario... Miguel Ángel Alonso Diz (poeta e amigo que coñecín ó atravesar A porta verde do sétimo andar) deu o pistoletazo de saída ó Slam acompañado dun grupiño de rapaces moi feitos. Comezou cunha proxección de videopoemas: o After dark de DandyLady, o En galego de Miguel, e o meu Espéciame. 


E eu, que ía tan só a ver, acabei recitando! E acompañada dun pedazo músico, Isaac Garabatos, ó que admiro dende hai tempo,  que "garabateou" unhas corcheas á guitarra pra encher os ocos do poema. Ou máis ben recitei eu como complemento á súa música... O resultado, unha marabilla.

@s poetas que participaron na competición, do mellorciño, algúns foron un gran descubrimento. Houbo tons distintos e distintas sensibilidades, pero todas cunha voz firme e coa convicción de que, na poesía, inda queda moito por berrar.  Entre o público vibraron os aplausos e as gargalladas, así que o ambiente tamén foi moi especial. A gañadora desta ronda foi Sther F. Carrodeguas, organizadora do Slam Arousa, que por unha vez puido poñerse diante do micro pra recitar e desbordou forza e enerxía a mares. Sther recitará comigo este sábado 26 na presentación de RE(C)VERSO en Rianxo, á que estades tod@s convidad@s por certo!


Para pechar o recital, Isaac Garabatos e Santiago Ferragud, de Xardín Desordenado, tocaron un par de pezas incriblemente xeniais. 

Así que non podo dicir máis que GRAZAS a Miguel por me convidar a recitar, a Isaac pola súa amabilidade, ós poetas por compartir o seu brillo, e a todo o mundo que estaba alí, porque a verdade é que foi unha noite ben ben bonita!

10.1.13

Nate Slawson

Hoxe déixovos aquí a tradución dun poema que atopei por casualidade na rede e que me atropelou desde a primeira liña. Un  "poema road-movie", cun discurso hipnótico de pensamentos que flúen e se encabalgan, soños e imaxes que corren xuntas, frases sen pausa pra ler e quedar sen aire. 

Este é o poema orixinal en inglés, esta é a web onde o atopei (Slope 47, xenial para ir descubrindo ós poucos) e esta é a tradución que dei argallado:


Ensaio sobre poesía

Odio sonar tan con-
fesional pero non me
gusta nada o día despois da última noite
ti vestías azul eu vestía
azul había chuvia moita
chuvia eu quería algo
inesperado dous cabalos
facendo o amor nun campo
perdido na I-94 a súa respiración
mecéndose convertíndose en branco
e mira é tan simple
sempre o foi a maneira
de foder é evaporarse
así que por que non quedamos mañá
serei menos terrible
un vídeo de Catherine Wheel
na túa cama tamaño grande
fálolle á Sony Handycam
das miñas unllas e da túa
roupa interior negra se iso é
o que tes por encabalgamento
e por que non o farías ti ti
corda trémulo ti
gústanme as túas vibracións eres
o que se chama unha sinfonía
adolescente do Oriente Medio
os teus atallos son preciosos
déixame conducirche un Mustang
nunha tormenta de xeo a través
de tres condados repintemos
as sinais da autoestrada para que
haxa máis cruces de camiños
se o facemos podes conectar o teu
proxector de películas no
enchufe debuxado
no meu peito non te rías
hai un documental
proxectándose no interior
do meu corazón penso que
che gustaría é rollo sueco
ten moitísimos primeiros planos e
farate chorar un pouco
porque es unha leoa
e as miñas entrañas violetas son o
zoo más triste de Michigan. 

8.1.13

O libro dos reis




A min este ano os reis viñéronme por adiantado. O 2 de xaneiro presentouse "O libro dos Reis Magos",  libriño editado por Galaxia segundo unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que pretendía dar voz ás súas maxestades, en galego, para transmitirlles ós cativos a importancia de falar na nosa lingua. Vinteséis autoras escribimos discursos que os reis lerían nas cabalgatas, nos concellos e nos colexios. E a ilustradora Marina Seoane deulle cor ás letras cuns debuxos marabillosos.

Ata ahí o menos importante, o institucional. Obxectivos que moitas veces quedan en papel acartonado e acumulando pó nalgún almacén. Mais aló da tendencia política do actual goberno, e das súas (desgraciadamente) coñecidas políticas "a favor" da lingua, houbo moitas cousas que me levaron a aceptar o proxecto e escribir con ilusión. O libro dos Magos deume moito. 

En primeiro lugar, compartir páxinas con escritoras ás que admiro desde hai tempo: Lupe Gómez, Antía Otero, Rosa Aneiros,Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Fina Casalderrey, Andrea Porto... e descubrir outras voces que me fixeron sorrir. 

En segundo lugar, escribir para que os nenos escriban, falen e vivan en galego. Ben sei que é o discurso de sempre, pero non por iso deixa de ser cada vez máis necesario. Os nenos son sementes. E hai que regalas ben para que a lingua floreza e siga dando sombra por moito tempo. Aínda non demos arrincado as malas herbas dos prexuízos, aínda seguimos cultivando a diglosia, así que cómpre fertilizar con forza e cavar todos xuntos para mellorar a terra. É unha mágoa que tendo unha lingua tan agarimosa haxa xente reacia a empregala porque, din, non serve para nada, é coñecemento inútil, non vai abrir ningunha porta. Podería estar falando disto durante horas, pero direi namais que as linguas non ocupan lugar, que son riqueza acumulada, que non son incompatibles (si, tranquilos que inda nos ha quedar espazo no cerebro pra aprender inglés) e que son motivo de orgullo. Para min é máis interesante unha persoa que domina varios idiomas que unha outra que se pecha nun só. Porque, se todos nos entenderamos nunha soa lingua (e se iso nos bastase) agora mesmo estariamos falando esperanto. Pero non. Será que as palabras propias nos definen, e será que todos no fondo buscamos iso, definirnos. 

E en terceiro lugar, poder escoitar a Víctor Freixanes foi todo un agasallo. O director xeral de Galaxia fíxolle a súa particular "carta ós reis" ás "maxestades" alí presentes. Manifestou que o galego debe deixar de ser motivo de discusión política, que xa abonda de espectáculo. De nada vale chapurrear galego no Parlamento se despois vas comprar o pan en castelán. Non se pode "pechar a lingua no gueto" nin educativo nin administrativo nin político. Tampouco permitir que estea "exposta ós prexuízos de dous ou tres señores: hai que devolverlla á xente, xa que a lingua deste país é dos que a falan (e dos que non, tamén)". Freixanes pediulle ós políticos que deixaran de colgarse medallas e fixeran "máis traballo de despacho" para arranxar as cousas, moitas veces unha chamada de teléfono e un pouco de humildade fan moito máis que un proxecto de lei. E por último chamou ó sentido común, confiando en que somos "totalmente capaces de poñernos dacordo" sobre unha controversia que antes non existía, cuxa problemática magnificamos nós (ou eles, máis ben). 

"Se somos galegos é por obra e gracia do idioma", dicía Castelao. Onte foi o 63 aniversario do seu pasamento. Xa que é difícil pedir que Castelao volva á vida, o que eu lle pido ós reis é que o galego non morra.