23.11.11

Escritura automática

Réplicas e contrarréplicas

- Que pensas da arte abstracta? 
- Pois penso que a arte abstracta debería ser coma un dinosaurio que esgaza canguros para fabricarse colonia de chocolate




(fragmento de elaboración propia a partir dun exercicio de escritura automática colectiva)

19.11.11

Xornada de reflexión

Que será mañá do neno
que cre nos superheroes
que mastiga cada merenda
bocados de chourizo e viñetas de Spiderman
con ollos famentos de ilusión e rescates

Que lle ha dicir a avoa
limpando calada as miguiñas no mandil
que lle ha contestar
cando o neno pregunte se Spiderman existe
se nos rescatará algún día deste tempo de migas e cartilla
de(s)razonamento

Xé menino, não fala política,
não fala política, não fala política
.


E a avoa, que sabe calada do sufrimento no lombo
e nas engurras
só lle di
Xé menino, não fala política,
não fala política, não fala política
.
os superheroes
non teñen escano no parlamento



Que será do neno
que quizais non volva crer
nos superheroes

17.11.11

Descapotable: poesía sonora

Renovarse ou morrer, din. Ou, o que vén sendo o mesmo, "antes muerta que sencilla", como cantaba aquela neniña tan salada. Distintas e curiosas son as formas de interpretar a sabedoría popular.

O caso é que eando ultimamente nun proceso de renovación bastante produtivo, unha etapa de fotosíntese que me leva a estender as pólas ata calquera raiola que me poida achegar algo de luz. Os días de chuvia a cousa está complicada, pero hei de recoñecer que, aínda así, ás veces dá os seus froitos.

Se todo funciona ben, poderedes escoitar aquí a proba-adestramento para o meu próximo proxecto. Confeso que sempre quixen facer poemas sonoros. Pero ata este ano non me decatara de que teño á miña disposición todas as ferramentas necesarias. Empezando polas aulas da facultade. (Si, estudar Comunicación Audiovisual tiña que servir pra algo).

Así que deixo a primeira pegada do que espero que se convirta nunha serie máis ou menos periódica de audio-poemas. Pódense escoitar en formato podcast seguindo o enlace, subscribíndose, e en iTunes. E máis nada, eu marcho agora coa música (e o verso) a outra parte...

5.11.11

Espéciame

Sempre me gustou cociñar con especias: salferir de pimenta a comida e a tixola, pintarlle coloretes de curry ó polo, tomar café con canela en lugar de leite. O que nunca imaxinei é que esta olorosa afición me acabaría deixando un sabor de boca máis intenso e pracenteiro que o mellor dos pratos.

De condimentos vai a cousa.

Veño de recibir un premio de fotografía e poesía coa sempre xenial Cristina López Astorgano, promovido polo magazine cultural Jot Down e a Asociación Cultural Nido del Escorpión (Barcelona), e enfocado á sensual arte da escritura corporal. Tratábase de resucitar esta práctica tan extendida na China fotografando un poema escrito sobre a pel. E gracias á paciencia da nosa modelo, que se deixou encher de montonciños de canela e azafrán, e ó ollo fotográfico de Cris, os versos quedaron "que nin pintados". Aquí volos deixo:



ESPÉCIAME


Úntame de pementa
           e outras esencias.
Quéntame as coxas con canela
baña os meus peitos con aceite
de rosa mosqueta
                                               e améndoa.


Pronuncia comigo
                cardamomo
faille cóxegas coa lingua ó ceo da boca
lambe
                o envés dos beizos, píntamos
     con azafrán.


Devórame en toda a miña especialidade
acende a cociña despois. 




En breves Cris e máis eu marcharemos a Barcelona a salferir especias polas Ramblas. Ata entón, un biquiño de canela!