17.1.16

Profundidade de tacto

Comparto hoxe "Profundidade de tacto", un dos últimos textos que escribín. Este conxunto de poemas foi premiado no certame Xuventude Crea 2016 e publicado no nº38 da Revista Dorna.

Ilustracións de Sole Rei


PROFUNDIDADE DE TACTO
Entre ti e a ferida, nove pasos de diafragma.

F22
Recréaste na precisión do trazo
a aspereza coa que a dor
foi cristalizando calquer pulsión de fuxida.

A cartografía dos teus erros
desprégase
con punzante nitidez.


F16
Descobres as túas propias derrotas
bailando entre xelatina e bromuro de plata.
O revelado é a mellor autopsia,       e a culpa
un latexar arrítmico na caluga
que o tingue todo
de vermello. 


F11
O ollo demanda
o que excede á palabra.
Todo o que nos corrompe
sen veladuras.
Pulsión escópica.

É por iso que buscamos
carne e pólvora no envés da imaxe
na imaxe a máis vívida das cores
na cor unha escalada frenética de decibelios.

Que a imaxe se faga corpo
[4K, 48fps, pantalla LCD]
para que o ollo a posúa.


F8
A fronteira
entre a dor e o pracer
radica
no delicioso desgarro 
                 da presión.


F5.6
Hai feridas      impronunciables

O que non se fixo palabra,
non ten corpo nin tacto.

E como salvar
ó descoñecido
da eterna hemorraxia.


F4
Canto máis cerca a ferida
máis difusos os seus lindes
[zoom]
e máis perigosa
a súa escuridade.

Todo baleiro absorbe.


F2.8
Algo escintila entre a negrura. 
No punto de fuga, a única casa coa luz acesa,
a que non ten camiño máis que de ida.

A ese vagalume difuso consagras a peregrinaxe.
Esfolas os cotenos dando tombos polo bosque.


F2
Esperanza
esa nube calcificada nas unllas que evidencia
a fraxilidade que nos consome.
Unha fermosa e dura          ameaza.


F1.4
Todo é ferida
Todo é fartura e carencia
coma as barrigas infladas das letras.

Dende o ventre da balea non se ve o horizonte.
Nin sol, nin compás, nin medición algunha
para salvarte da desmemoria.
Afondas na dor
e esqueces a precisión do trazo
o cincel e a man que esculpiu este
retablo de agonía.

Coas xemas abrasadas,
percorres o teu propio rostro.

Non te recoñeces.

8.1.16

2016 e Versogramas

Comeza un 2016 cargado de retos e proxectos, algúns novos e outros que xa levan tempo ocupando felizmente os meus días. Hoxe quero falar dun destes proxectos de longo percorrido que non deixa de darme alegrías: Versogramas.

A idea de Versogramas agromou no 2013. Durante o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre e a UDC) comecei a desarrollar o que sería un documental sobre unha das miñas paixóns, a videopoesía. Tutorizada por Fernanda del Nido, cos consellos iniciais de Pepe Coira ou Marcos Nine, o proxecto foi madurando en concreción, obxectivos e orzamento ata ter un esquema de produción coherente. Nese momento, contactei con Juan Lesta e Belén Montero (Esferobite) para propoñerlles seren os directores de tal experimento, e non puiden obter mellor resposta: non só aceptaron, senón que dende o minuto 0 se implicaron con Versogramas ata sentilo tan seu coma meu. E así, ata agora. Non podo estar máis contenta ó pensar que o que foi un proxecto fin de máster non deixa de medrar, e ó reparar no fantástico e enriquecedor que é traballar con Belén e Juan.

Por aquela altura do 2013 elaboramos este teaser


A día de hoxe, Versogramas evolucionou moito. Convertiuse nun proxecto transmedia, que explora o panorama nacional e internacional da videopoesía a través dun documental de creación, un webdoc, unha videocreación experimental e unha exposición museística. O documental, peza central do proxecto, xa foi apoiada pola AGADIC nas súas convocatorias de desenvolvemento e produción, pola Editorial Galaxia e pola Fundación Uxío Novoneyra. Mediante unha Residencia Artística do MAC A Coruña puiden desenvolver o proxecto comisarial da exposición, así como realizar xunto con Juan e Belén o que se convertiu no noso videopoema promocional, "PalabrapelículA". E A Navalla Suíza acordou traballar connosco no webdoc.

O maior desafío, diría, comeza agora. Cun 50% do financiamento para o documental conseguido, quédanos traballar arreo durante todo este 2016 para completar a metade restante e poder comezar a rodaxe. Con sorte, no outono do 2017 Versogramas estará saíndo do forno.

Mentres tanto, podedes seguir a nosa andaina na web Versogramas, descubrir a nova sección "Videopoema da semana", visitarnos en Facebook ou Twitter

P.D. Non me resisto a compartir convosco a felicitación de aninovo de Esferobite, unha particular "esfericitación" para a que prestei voz e texto e que podedes ver AQUÍ.