27.9.11

De fotografía e outras artes

A Cris López Astorgano, por ensinarme a mirar polo ollo da réflex


Namorar é como tomar unha fotografía.

O comezo é un cadro desenfocado. Ó lonxe unha figura de bordes esponxosos e tacto difuso, da que apenas coñecemos os seus contornos básicos. E aínda así hai algo (ese algo) que resalta nesa masa informe e nos empurra a esculcar con máis atención. Mais, ai!, desde o momento en que entornamos os ollos para definir a imaxe, entón o proceso xa é imparable. É ter a certeza de que o dedo que descansa fraxilmente sobre o disparador algún día acabará pousándose de todo, estea ou non preparada a composición do cadro.

Coñecer á persoa é ir enfocando as súas liñas, tantear co diafragma ata onde chega a profundidade de campo e mergullarse nela. Ás veces pode pasar que esta opoña resistencia, que se manteña desenfocada. É aquí cando cómpren as mellores habilidades do fotógrafo para lograr compoñer ben a imaxe, mais isto require práctica e tempo... por iso a miúdo se tarda tanto en quitar unha fotografía. Pola contra, tamén pode suceder que o elemento a enfocar teña unha profundidade de campo máis ben pequena. Neste caso convén reaxustar o diafragma e ollar ó fondo do plano, onde seguramente apareza un suxeito máis atractivo e interesante para o obxectivo.

Mais volvamos á profundidade. É curioso como ó mesmo tempo que afondamos dentro do plano o exterior se vai facendo máis definido, nese longo proceso de enfoque que é o coñecemento. E, de repente, chega un día no que a composición da imaxe é perfecta e a persoa resplandece en toda a súa nitidez. E daquela é cando, sen previo aviso e cun sonoro estourido, salta o flash, unha luz que explota desde dentro cara afora e inunda o encadramento. Unha luz que cega e imprime nas meniñas un resplandor branco, que xa non deixa ver, que só deixa ver a luz reflectida nos outros ollos. Entón xa non fai falta entornar as pálpebras, senón abrilas moito, eliminar do encadramento toda porción de mundo que non sexa o obxecto enfocado. O amor é un flash continuo que invita a descansar na profundidade branca do plano. É ese punto de fuga onde todas as liñas converxen e cada segundo é un paso máis de diafragma.

(O problema vén cando se ten a cámara avariada...)





Relato publicado na web do colectivo Letra en Obras

20.9.11

O galego, esa curiosa lingua estranxeira

O sábado, despois do Encontro, fun á estrea d' A ópera dos tres reás no Teatro Colón da Coruña gracias á benevolencia de André (hai que saber escoller ben os amigos, sobre todo se estes regalan entradas e tés turcos tomados en teterías de conto).

Alba e máis eu xa entramos no teatro con certo escepticismo, sobre todo despois de oír as críticas dos colegas que foron antes ca nos, e que tildaban á obra de lenta, simple, con números musicais inconexos e desafines varios. O certo é que a nós, gustar gustounos. Non hai que confundir musical (de ritmo obrigatoriamente áxil e espectaular) con ópera, por moi moderna que sexa (a Bertold Brecht débeselle a introdución de técnicas de distanciamento-alienación, rotura da cuarta parede, sátira e alegoría social). Foi curioso comprobar a vixencia dalgunhas críticas sobre o poder corrompedor dos cartos, a hipocrisía das elites ou a súa doble moral.

Pero con diferenza o que máis nos sorprendeu e o que máis gargalladas nos arrincou foi a tradución ó galego. Ó principio era escangallante ver e escoitar con naturalidade expresións como "porcón", "o da faca", "hai que ir indo" (camiño á forca), "éche o que hai", e máis que xa non  lembro, sobre todo na fala coloquial dos personaxes, de carácter máis marcadamente galego. Escoitar iso, nunha ópera!! O que empecei tomando a risa, que graciosa queda esta tradución, ai ho isto dicho un amigo meu da Fonsagrada, ai mimadriña como poden poñer esta palabra, etc., despois fíxome pensar.

Por que a reacción foi de sorpresa? Por que estrañarse ou rirse ante un vocabulario "demasiado galego" nunha produción supostamente "seria" e de "altura" como pode ser unha ópera? Doeume vivir nas miñas propias carnes os efectos da case inexistente normalización que ten a nosa lingua hoxe en día. Ver un espectáculo así en galego (tan en galego) non debería resultar gracioso nin ruborizante. Debería ser o máis normal do mundo. Por moito que digan, o galego inda non acadou o estatus que se merece. De ser así, esta reflexión non se tería producido.

Coma a nosa, outras gargalladas agromaban en momentos puntuais desde distintos puntos do palco. E digo eu: no momento en que vivimos, no que o galego está desaparecendo a ritmo vertixinoso de cada vez máis ámbitos da sociedade, hai realmente esperanza para que a nosa lingua nai o siga sendo? Hoxe o xornal.com pechou definitivamente a súa fiestra online. Para min, os medios son (ó igual que a educación) a máis útil ferramenta para espallar e normalizar o idioma. Se cada vez quedan menos fiestras abertas para quen quere ver a realidade en galego, cal vai ser entón a visibilidade da nosa lingua? Non se acabará convertindo nunha lingua allea? Non acabará sendo para os galegos unha lingua estranxeira?

19.9.11

"A vangarda é dicir algo igual de nocivo, pero diferente"

O pasado sábado tiven a oportunidade de asistir ó  VI Encontro de Escritores Novos, promovido pola AELG. Desta volta, a xuntanza estaba enfocada ó tema da “pegada dixital”: novas técnicas e soportes para a escrita, desde revistas dixitais a blogues, como inflúen estas no acto de creación e cal é o seu estatus respecto ós medios tradicionais. Da rolda de conferencias (mantidas, entre outros, por Tati Mancebo, Estíbaliz Espinosa, Ana Cibeira, o Leo, Antía Otero ou Chus Nogueira) saíron cuestións tan interesantes como as seguintes:

Son os blogues unha obra en si mesma, ou unha “sombra” das publicacións escritas? É a poesía o xénero máis adecuado á lectura en medios dixitais? Como debería ser o consello editorial dunha revista dixital, atendendo ás difíciles cuestión do poder?  Como se vixían os dereitos de autor nunha publicación online? Manterase a teima da publicación escrita como consagración definitiva, ou vai haber un cambio de modelo orientado ó mundo na rede? As reflexións foron variadas, mais ben semellantes entre os poñentes.

Todos concordaron en que a relación blog versus libro non ten por que ser dicotómica. É evidente que a facilidade, os baixos custos e o grande alcance da rede axudan en maior medida á difusión da voz, mais non por iso é esta unha opción secundaria. Os formatos dixitais adáptanse moitísimo mellor ó tipo de contidos que priman na actualidade, cunha clara tendencia ó visual (como amosan os collages de Ana Cibeira ou Antía Otero), á mestura de xéneros e á interactividade. Por outra parte, son unha forma de rachar, segundo Estíbaliz Espinosa, os circuitos pechados da literatura, a egolatría e ansia de protagonismo que arrodea a algúns escritores. Na rede, di, o ideal sería que cada un fose un conxunto de letras que le a outros conxuntos de letras. Isto achégase á visión de Gaspar Domínguez sobre as redes sociais, un “karaoke autorreferencial” que amosa a nosa submisión ó mercado, a necesidade de crearse unha imaxe de marca e venderse. Non podo concordar máis coa súa análise (moi no estilo da Escola de Francoforte, o que me fixo recordar cun sorriso as clases de Outeiriño) do mundo da cultura hoxe, guiado polos intereses do mercado e das grandes industrias culturais. Chegados a este punto, houbo mención obrigada ás tres cabeceiras en galego que desapareceron na súa versión impresa xunto coas súas revistas literarias. Unha persecución que amosa a inseguridade e ameaza do panorama de medios na nosa lingua. Quizais, como di o Leo, a nosa deba ser “unha cultura non de conquista senón de resistencia”. Afianzar a presenza e supervivencia do galego e os galegofalantes  máis que conquistar lectores e falantes novos. Está claro que, fronte ós ataques, o mínimo que debemos facer é resistir. Mais o certo é que cada vez nolo poñen máis difícil.

Volvendo ás redes sociais. A presenza da literatura en redes coma Facebook ou Twitter é máis que palpable. Moitos dos presentes téñense sorprendido varias veces pensando nun estado para poñer no Facebook, argallando varios días un tweet. O Leo ten visto pura poesía nos estados do Facebook, por exemplo. “A poesía —di— non se crea, atópase. A poesía está aí fóra, son chispazos que están no día a día”. Hai que saber vela, e saber capturala. E tampouco é tan importante o medio que se empregue para facela voar.

Supoño que calquera soporte é bo pra insuflar aire á nosa cultura de resistencia. Hai que sumar forzas e aproveitar todas as ferramentas das que dispomos. Na última mesa de debate achegáronse solucións coma os contactos bilaterais e transversais con outras literaturas “estranxeiras” (internacionalizar a nosa, coñecer as demais) por medio das traducións, a creación dunha revista dixital que unise crítica, tradución e escaparate dos distintos xéneros, pular polos novos formatos dixitais en eidos coma o da educación... En definitiva, aunar esforzos e seguir creando para afianzar a nosa cultura, non ensimesmada, senón “demasiado galega”. "A vangarda é dicir algo igual de nocivo, pero diferente" (Ana Cibeira e Leo)

18.9.11

Abro paréntese

(...

Non sei se será setembro, ou a crise postvacacional, ou tanta cafeína en vea, pero hai algo que me sacode as costas. Penso que estou sufrindo unha época de reestruturación vital. A consciencia de comezar o derradeiro ano de carreira, sumado ás conversacións apocalípticas sobre a incerteza do futuro tampouco axudan moito. Estache a cousa moi chunga.

Malia tanta negrura, o certo é que hai algo, si, que me anima a espremer ó máximo este meu último ano en Compostela. E ese algo son as letras.

Despois de estar un ano fóra, aló nas terras do gulash e a cervexa, desconectada de recitais e versos (en galego, pois ter tiven a oportunidade de botarlle unha ollada á poesía inglesa e checa), entroume unha renovada morriña por volver xogar coas palabras. Así que pecho a paréntese do meu anterior caixón desastre, A orillas del Moldava, xa que non quero seguir vivindo de recordos: quero crear outros novos. Seguirei deitando flashbacks de cando en vez (no fondo unha é unha nostálxica), mais adicareime de agora en diante a abrir parénteses e enchelas de voz, palabras, puntos e comas.