27.1.14

Pel


                                                                     Oldřich Kulhánek



Hoxe
a dor dos verbos en primeira persoa

a miña pel estráñanos.





20.1.14

Adoración

                                                                                      Alison Glew


Día 0
O día que marchaches a humidade tomou a casa.
Foi primeiro nebulosa,
presaxio.
Pechei as contras.


Día 7
Un sudario de sombra asfixia a inocencia que resta.
Que doado agardarte así
crendo que do escuro nacen hedras.


Día 28
A mancha estendeuse polas paredes coma un cancro.
Vai frío.
Erixín un altar no estremo máis ó norte
e agora sento a contemplar a beleza das formas.
A randeeira crávaseme no lombo
esburaco con furia a carne e relambo os dedos
que o frío entre e me devore.


Día 30
Medran silvas baixo a alfombra
coas dedas rabuño a terra
e sangro.


Día 46
E só quero que volvas ou morrer gota a gota
percutido o cráneo coa erosión dos pigmentos.
Celebrar a ferruxe baixo a lingua
e bailar a febre por todos os cuartos
bailar, bailar espida e tola
abrazar a humidade para sentirte preto.


Día 50
Só teño de ti este aire infectado,
esta histeria.

12.1.14

Standby

Foto:  Praha Hlavní Nádraží - estación central




Paro a película e
unha presión xorda de auga nos oídos
                                   a dous metros baixo a superficie

A quietude un sol de grilos na estación baleira
á agarda
—western ferroviario—
en stand-by
            en Stand by
                                                (me)





[1] En  “Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de expansión" (Ed. Bubela) 

6.1.14

Volver



Contracampo

I-
A ansiedade era
poñer interrogacións a clarear en corda pita
e observar a traxectoria de cada pinga
precipitarse contra o cemento
a cámara lenta
antes
de que todo estoupase.



II-
Foi
un enxordecer das horas
unha certeza a cincelar o aceno
mentras fóra de cadro todo treme.
Foi corcheas ardendo nos pés
e un ritmo a tempo que xa non se detén
ó final do pentagrama



III-
Lembra
Ícaro
que a abrasión é a máis sedutora das saídas
que máis aló do sol se proxectan
átomos de po incandescente
butacas desde as que contemplarte en cenital
espellos extintos.




*propósito de aninovo... volver. encher de letras a paréntese