9.12.15

De palabra a píxel

Foi un pracer impartir o obradoiro "De palabra a píxel: introdución á videopoesía" para a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega (AELG) durante a primeira Xornada de Literatura e Cinema: unha literatura en imaxes. A xornada, organizada xunto coa Asociación Socio Pedagóxica Galega e co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello da Coruña, tivo lugar nesta miña cidade adoptiva o 28 de novembro.

Como obxectivos, achegar a vinculación histórica da literatura coa súa proxección a través da imaxe, afondar nas relacións interdisciplinares das diferentes artes, ofrecer pautas de metodoloxía didáctica interactiva a redor da experiencia poética, experimentar novos soportes técnicos vinculados á lectura e analizar a relación entre palabra e imaxe no proceso de creación.

Antía Otero
Manolo González










Eva Veiga
Para levalos a cabo, unha presada de nomes que moito admirei sempre na súa labor poética, didáctica e investigadora. Manolo González, máis que coñecido entre quen nos adicamos ó audiovisual, falou da súa experiencia empregando nas aulas contidos de vídeo e fomentando o papel creativo dos alumnos. Eu xa coñecín a súa forza e paixón cando me daba clase no máster de produción, e non puiden máis que confirmar a sorte que teñen os seus alumnos de Ferrol. Eva Veiga puxo voz (esa súa voz morna e reconfortante) ás palabras de Margarita Ledo sobre as conexións e conflitos literatura-imaxe, e sobre a propia experiencia do filme "A cicatriz branca". Antía Otero ofreceu un marabilloso obradoiro sobre como crear videopoesía sen cámara, coa cabeza, cos sentidos, deténdose no proceso creativo sen buscar resultado final. Unha proposta de actividades para levar a poesía ás aulas de maneira cercana, tal e como recolle o novo libro de Apiario "Poesía Hexágono". E Martin Pawley falou do Proxecto Nimbos, un chamado a directores para realizaren videocreacións a partir de textos do Nimbos de Díaz Castro.


Eu adiquei a miña intervención a sementar pistas, ligazóns e nomes arredor da videopoesía, para propiciar a curiosidade da primeira aproximación ó xénero: que é, como podería definirse, que tipoloxía hai e que conflitos agocha, visionado de exemplos, cales son os principais creadores e creadoras a nivel nacional e internacional, cales son as mellores bases de datos de videopoemas nas que mergullarse, e que recursos hai dispoñibles na rede para levar á práctica a videopoesía dentro das aulas. Empreguei para iso unha presentación que deixo para libre consulta AQUÍ. Buscade, compartide, experimentade. E para calquera cousa, aquí me tedes, encantada de compartir visións sobre un xénero que me apaixoa.