21.2.13

Rosalía e a porta verde

Este vai ser o domingo máis poético de todos os domingos. Por unha vez, as mañás de misa ou de resaca, as comidas na aldea e o ritmo lento das cidades quedarán en segundo plano. O día vestirase de letras, prenderemos 150 candeas sobre o lombo dun libro e celebraremos o recordo dun 24 de febreiro de 1837, no que as campás de Bastabales repenicaron polo nacemento dunha muller especial: Rosalía de Castro. 

Rosalía, poeta nosa, da que sobran xa as descricións. Muller e escritora, ou viceversa, que lonxe de afogar nos choros (como moitos ousaron dicir durante un tempo) cantoulle ó amor e á saudade, á terra e á emigración, á inxustiza e á opresión, á muller e á sociedade galega. Este ano cúmplese o 150 aniversario da publicación dunha das súas grandes obras: "Cantares Gallegos". 

Malia que a súa presenza é tanxible durante todo o ano, arredor desta data edifícanse varios actos conmemorativos que teñen por obxectivo lembrar, celebrar, difundir e arroupar a figura de Rosalía, vital nas nosas letras. Ademais de iniciativas privadas, súmanse á festa da palabra centros educativos de todo o país, concellos, bibliotecas... A axenda da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) recolle boa parte deles.

O centro Ágora d'A Coruña acollerá este sábado ás 19h un recital colectivo sobre Rosalía, organizado pola AELG. Alí estarei eu recitando con toda a ilusión do mundo versos desta gran muller. Escollín tres poemas de Cantares Gallegos e Follas Novas cos que Rosalía berrou hai anos consignas que andamos nós agora a repetir pola rúa. Triste exemplo.

Ademais diso, esta fin de semana tan chea de letras reunireime de novo cos amigos d'A porta verde do sétimo andar, aqueles que me tenderon a man a primeira vez que recitei n'A Coruña. Para os que queirades unirvos ó "coche de liña", estas serán as paradas do sábado: 

- Ás 13.30h realizaremos un "Desembarco poético" na librería A Librería de Cambre. 



- Ás 20h estaremos na librería A lus do Candil de Arteixo 


Medo me dá tanto verso xunto, en realidade adoito ser un desastre coas datas e os transportes, así que se vedes que o tráfico colapsa de letras as estradas, se se me cruzan as liñas e me perdo no camiño... seguide a liña de puntos suspensivos. Agárdovos ó final da estrofa. Enfiamos rima e arrancamos.

14.2.13

Anuncios por palabras


ANUNCIOS POR PALABRAS

Búscase poeta
boa remuneración

Importante multinacional busca poeta en prácticas para o departamento de contabilidade. As súas tarefas serán versificar facturas e recitar mensualmente os orzamentos para presentárllelos ó equipo directivo.

Requisitos:
- boa presenza
- experiencia mínima de 2 poemarios demostrables
- nivel avanzado de inglés
- flexibilidade métrica 
- imprescindible poder firmar convenio de prácticas coa universidade ou centro escrito
- dominio de ferramentas informáticas coma o papel e o bolígrafo
             (coñecementos de ordenador serán altamente valorados)


9.2.13

Así o meu corpo sen ti

Erguerse cedo, moi
cedo a mañá dun sábado
o inverno
afía os cantos dos edificios
despoboa de pasos as beirarrúas
          a cidade
atravesa o último limiar do soño.

E neste western metropolitano
non hai rodas de herba seca que rachen a tensión
apenas o eco dun suicidio ó lonxe    borrachos
 baténdose en duelo á porta dos bares
o silencio dunha lei
         que aínda dorme.

É difícil facerse paso entre o aire
aínda non viñeron os coches reactivar o sangue
hai semáforos que palpitan
por non se sabe quen
                             coma autómatas
como un xeito estraño de resistencia.

Así abrasa a ausencia na cidade.

              Así o meu corpo sen ti.