13.10.12

RE(C)verso

Abrochen os cinturóns de seguridade, teñan visualizadas as saídas de emerxencia e preparen os seus oídos porque... RE(C)verso vai reverberar!

Hoxe sae á luz o proxecto de audiopoemas no que levo traballando todo este último ano. Trátase dunha recopilación de poemas con base sonora creada a partir de pequenos loops musicais, mesturados como pezas dun crebacabezas mediante un software de edición de audio. Algúns deles contan con música orixinal que compuxen ó piano, gravei e editei en estudio. O obxectivo foi lograr unha simbiose entre voz e música para que o resultado non fose só un poema musicado, senón unha unidade indisoluble na que ambas partes se complementasen, con entidade propia. Tamén, achegar a poesía a máis momentos da vida diaria, facer posible disfrutar dela ó camiñar pola rúa, polo campo, no coche, no ipod, no mp3... mesmo no Bershka. Foron moitas horas adicadas pero tamén moitas risas e sobre todo moita ilusión, así que podo dicir que o proceso non foi tan duro como divertido.

Desta vez non podo permitir que os agradecementos queden agochados ó final do rolo da película. En primeiro lugar, un gracias enorme a Xaime Fandiño (Fandi) por animarnos desde a materia de Expresión Sonora a experimentar cos podcast e a edición de son, xa que esa foi a isca que fixo prender a bombilla da inspiración que alumearía os primeiros "audiochismes". Graciñas tamén a Alba e Davide,  a primeira por convivir comigo e as miñas sobredoses poéticas, o segundo por facer de "muso" e crítico audio-literario (a ambos, en defintiva, pola amizade). Outro lote de gracias a tod@s @s amig@s (CAVs e demais familia), por rir comigo, apoiarme e apodarme celiaparraescritora (desta vez non enumero por non exceder o límite de caracteres, pero quérovos en cada letra). E gracias finalmente ós que escoitades, ós que sorrides, ós que escribides, ós que difundides... sabede que a cada palabra ou a cada click voso médrame o sorriso e a ilusión de seguir escribindo e inventando.

Un par de novas máis. RE(C)verso está dispoñible para descargar de balde na plataforma bandcamp, protexido por licenza creative commons. O enlace, AQUÍ. Paralelamente, xa teño no peto varias copias en versión tanxible e artesanal, con material adicional (novos audiopoemas e algunha sorpresiña máis) que poderedes comprar por só 5 euros. Estarán á venda nos recitais que vaia facendo, mais se queredes ir reservando algún, contactade comigo vía facebook ou comentando nesta páxina. 

Polo de agora, a presentación "oficial" de RE(C)verso está programada para o día 15 de novembro na librería Lila de Lilith, en Santiago de Compostela. Estades máis que convidad@s a asistir, por suposto, e compartir unha tardiña de versos, música e retranca! Publicarei por aquí, según vaian saíndo, novas datas. 

APERTAS SONORAS!


8.10.12

Slam Poetry e a poesía polbo á feira

Agora que o tempo vai revirado e o frío abofetea outono na cara con forza, ofrézovos un plato quente de sopa de letras, cargado das novidades máis fumegantes. 

O venres participei no Slam Arousa, un torneo poético moi apañadiño que Sther F. Carrodeguas tivo a ben organizar. Trátase dunha xuntanza aberta de recitadores que percorrerá a illa de Arousa, con paradas en Taragoña, Ribeira, Boiro e Vilagarcía. De cada torneo sairá elexido un gañador, que pasará á fase final galega e, se hai sorte, á estatal. 

Desta volta eu tiven sorte e fun nomeada gañadora! Así que mil graciñas ós que estivestes no Curral do Marqués, non por votar, senón por compartir unha noite de versos xenial. Descubrín voces marabillosas, cheas de pementa e azucre, raiba vermella, sexo entre letras, asubíos e gargalladas. Vémonos na próxima! Pola miña banda escoitáronse, malia que sen base sonora, o descapotable e o poema para escoitar en Bershka. É un puntazo notar que a retranca se contaxia e devolve sorrisos. 

E todo isto serviu para alimentar a miña crenza de que a poesía debe servirse como tapa nos bares, acompañando á cervexa e á conversa. Que non só está nos libros e nos auditorios, que presta máis cando a compartimos mirándoa ós ollos, de preto. Só así, lambéndoa, mastigándoa e convidando a todo o mundo á comida, deixará un saborciño gustoso nos oídos... e nos estómagos. Destas cousas, e algunhas máis, falo neste novo artigo para Letra en Obras: "Poesía polbo á feira".

Máis nada, eu sigo cociñando cousas, cando teña listo o próximo plato xa berrarei ben forte...
A COMER!!!