8.12.11

Tempo

Velaquí o meu último experimento sonoro.

O silencio é o tempo da dúbida.
A incerteza, ese non dar co ritmo xusto.
A desesperación, un resoar de ritmos que estala a tempo na cabeza.



O poema é de Código Morse.
O nerviosismo vén de fábrica.

1.12.11

A sinfonía do almorzo

- Todas as mañás, nada máis erguerme, síntome o mellor director do mundo. Dentro de pouco estrearei a miña obra máis ensaiada e xenial: "A sinfonía do almorzo"!

- Pero que dis? se o único que es capaz de dirixir é a moto entre os pitidos do tráfico, e xa che custa...

- Bo, isto vai en serio, déixame que che explique!

-Déixate de lerias e pásame o café, que inda vai saír por fóra...

- Mira, atende un chisco:

Primeiro hai unha intro de paxaros, moi miudiña, in crescendo. O despertador corta en dous aire e soño, loitan as sabas como nubes e timbais e despois a persiana pon fin, cun golpe seco, ó espertar. 
O primeiro movemento transcorre na cociña. Empeza fervendo o leite, andante ma non troppo, únese un solo de cafeteira que aumenta a súa furia, como un gurgullar de corcheas que estoupa marrón e fume no punto de ebullición. E as tostadas, que saltan cantareiras coma flautas, pechan o tema cos seus doces pizzicatos.
Despois poño fin ó concerto coas miñas culleres-batuta e devoro famento a orquesta enteira.

Que che parece?... cres que tería éxito?

- Pois non che sei, como papes os teus propios instrumentos non vas pasar da estrea... Atende ó café, anda...