24.2.15

Rosalía


Hai uns meses recibín un convite para participar nun libro colectivo en homenaxe ós Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Asignáronnos a cada unha un feixe de versos para que, a partir deles, elaboraramos un novo texto.

Hoxe celébrase o Día de Rosalía e a publicación xa voa internet arriba e abaixo. Podedes descargar aquí os 150 Cantares para Rosalía e detervos a ler canta cousa bonita hai. Pecha o volume o meu texto (cousas de ser a máis nova da orde cronolóxica) que deixo tamén por aquí:

Non me espriquei cal quixera
pois son de espricansa pouca;
si grasia en cantar non teño
o amor da patria me afoga
ROSALÍA DE CASTRO



Dixen carballo
e respondéronme eucalipto.
Dixen fervenza
e respondéronme encoro.
Dixen muller
e respondéronme labrega.

E será que non me explico ben,
que non entenden a cadencia desta lingua de cumes e ondas,
pero quixen falar de loita e entendéronme choros.

Prendín no tendal as palabras todas
que me arrolaron dende nena
para que preñen de vento e bailen o teu nome
e sexan, coma ti, matrioshkas
nais desdobrando un país sen lindes.

Pero será que non canto ben,
que desafino de tanto amor afogándome o peito
e son roncón antes de enfiar a muiñeira.

Porque me desbordan as palabras e cando dixen patria
respondéronme pequena
e cando dixen lingua seláronme a fala
e son chorima e gardo baixo os pétalos
a aspereza de tantos anos a resistir a violencia.
Pero eles

eles entendéronme flor.