12.10.15

De Matrioshkas e coellos

O videopoema 'Matrioshkas' vén de gañar a categoría 'Best Production Under 1 Minute' (mellor produción de menos dun minuto) no Rabbit Heart Poetry Film Festival de Worcester, Massachusetts (EE.UU.) deste ano. Non podo estar máis contenta!

'Matrioshkas' foi un dos primeiros videopoemas que realicei, baseado nun poema do conxunto 'Código Morse' ,que recibiu o terceiro premio Xuventude Crea de poesía hai un par de anos. Téñolle especial cariño tanto ó texto coma ó vídeo, polo tema e a metáfora que exploran (quen me coñece sabe que sempre estou arrodeada de matrioshkas). Tamén, por seren o comezo dun interese pola videopoesía que derivou en paixón e me fixo comezar a traballar no xénero desde a perspectiva de creadora e a de investigadora, da que falarei máis adiante.

Faime moita ilusión que esta matrioshka de imaxes viaxara ata o outro lado do océano e me traia de volta, gardada na barriga de madeira, un coelliño. Unha figura feita con tinta e papel que é o mellor trofeo que puiden recibir!

Velaquí o videopoema. Moi, moi agradecida.


10.10.15

Festival dos Eidos


No epicentro do verán, cando o calor de agosto premía con forza, fixen parada no Courel. Esta vez non para perderme pola Devesa da Rogueira, como de costume, senón para recitar. 


Uxío Novo, a quen teño moito que agradecer, convidoume a participar no Festival dos Eidos, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra. A cita sería durante unha fin de semana repleta de accións culturais e enmarcada nesa tremenda paisaxe que atesoura o Courel. A proposta, realizar un diálogo poético, como xa teño feito nalgunha outra ocasión, entre Uxío Novoneyra, María Mariño e máis eu, aproveitando a vinculación courelá que comparten e a admiración que lles teño. Non o dubidei un segundo!






O Festival dos Eidos forma parte do proxecto europeo LitFest, unha iniciativa comprometida co ensino permanente a través da literatura. Nel tamén colaboran a Fondazione Alfonso Gatto (Salerno, Italia), o festival de poesía St. Clementin Litfest (St. Clementin, Francia) e a ONG Catching Lives! (Canterbury, Reino Unido).
Durante tres días, tres aldeas do Courel (Parada, Seoane e Ferrería) enchéronse dunha variadísima programación na que tiveron cabida conferencias, teatro, recitais poéticos, roteiros, concertos, sesións vermú e proxeccións audiovisuais. Tras asistir ó espectáculo "O Asombro" de Fantoches Baj, puiden recitar entre Antón Lopo e Simone di Biasio. Escoitei a Uxía Senlle, a Linho do Cuco e a Wöyza. Aprendín sobre Crowdfunding con Iván Gimeno e sobre paxaros con Xavier V. Pumariño.  Vin ó italiano GreenPino pintar de versos de Alfonso Gatto a casa natal de Uxío. Atopei amizades, fíxenas novas, respirei verde e festa. Foi realmente bonito. Longa vida ó Festival dos Eidos!