30.6.12

Tres segundos

Levo unha semana enchufada á mesa de mezclas da facultade, compoñendo arreo para orquestar o meu último proxecto: un CD recopilación de audiopoemas, con algúns que xa fun ceibando polos pentagramas da rede e outras novidades "inéditas". Un remix das notas e disonancias que me resoan pola cabeza, vaia.

"Tres segundos de memoria" é un poema contido no xa velliño No berce das mareas. A música é un tema que compuxen ó momento, no medio do arrebato inspiracional que foi esta semana.

Podedes escoitalo aquí ou aquí.

E proximamente, máis e (esperemos) mellor...

15.6.12

Solsticio

Media xa o mes e conto os días que restan para o solsticio. Aterra pensar que a partir da noite máis curta do ano a luz irá decrecendo, que é falsa a impresión de que no verán os días son todos igual de longos. Falaba onte con Alba do clímax do sol e do final dunha etapa. E é que este ano, cerca da noite de San Xoán pecharase o día máis longo que vivín en Santiago: un día que durou catro anos e mil estacións, con paradas diversas. Nunca fun de facer odas, nin vou empezar agora. A vida é movemento, e pra continuar hai que seguir amencendo e anoitecendo sempre cara adiante.

O conto é que hoxe redescubrín un conto que xa tiña esquecido. E foi gracias a Cris, que sacou á luz de novo un proxecto que comezamos hai uns anos, en principio pra dentro das aulas, no que ó final puxemos moito de nós mesmas. Ten moito de naïf, como se di agora tan posmodernamente, mais no fondo fai sorrir a base de curriñeces. (P.D. por sorte, os anos pasan)

Velaquí a canción perfecta para escoitar co conto das estrelas. Se paseades pola web atoparedes tamén outras combinacións de letras e espazos e demais trazos...