30.5.12

Pintar as unllas


Temos
os laboratorios cosméticos máis avanzados do mundo
as mellores cremas
exprememos
ata caracois, con tal de expremer
o paso dos anos na cute.

Desenvolvimos 
unha marabillosa capacidade sinestésica 
para asignar unha cor
               a cada tempada
- ha llegado la primavera a El Corte Inglés -

Inventamos os suxeitadores sen costuras
acurtamos as saias
ata o límite da vertixe
modernizamos as faixas
aprendemos funambulismo 
sobre tacóns de 12 centímetros
ata o límite da vertixe.

Todo
para que aínda así sexa delito
para que sexa mesmo resistencia
pintar as unllas
en Arabia Saudí.


28.5.12

A porta verde

Este venres, versos e berros verdes reverberaron no Borrazás. 

Abriuse a Porta Verde do Sétimo Andar e entraron tantas cores como persoas a encher de poesía os espellos e as pedras. Foi un recital vivo e variado, rico en acentos. O tempo converteuse no discorrer de intervalos entre recitador e recitador (o durante non conta, os minutos parecían detidos no aire). E esas dúas horas, mentres a tardiña se vestía de noite, foron todo un regalo.

Coñecín voces que nunca tivera o pracer de escoitar. Sentinme acollida e en familia. Botei a sonar os audiopoemas por vez primeira e chegáronme ecos de gargalladas e brillo nos ollos. Descubrín poetas marabillosos e marabillosas. Así que non podo máis que dar as gracias ós amigos d'A Porta Verde do Sétimo Andar por deixarme compartir con eles unha tarde ben bonita entre voces, birras e versos. 

Velaquí vai un artigo xenial de Paco Gallego e un par de fotiños do encontro.

15.5.12

De espellos e bonecas rusas

Produto da miña "obsesión" coas matrioshkas e os espellos naceu este novo reflexo de luz.

O poema é de Código Morse (2010). A dedicatoria vai, desta vez, para Olaya, unha bonequiña rusa que agora está lonxe pero anda sempre repenicando dentro da miña caixa de madeira. Os agradecementos especiais son ó sol, por darme unha tregua de calor e lembrarme como presta deitarse na herba dos parques. E a Cris, por ser quen de abrir o caixón escuro e enchelo de panorámicas descoñecidas, máis aló de Galeras.



1.5.12

Matrioshkas

A semana pasada compuxen un tema e recuperei unha paixón perdida, a de xuntar corcheas e silencios. Hoxe escoiteino de novo e seméllame un anaco de banda sonora.

Agora só me queda facer a película...