10.11.15

Obradoiro de poesía visual

Rematei outubro misturando poesía visual e Samaín. Caligramas e morcegos. Acrósticos sentenciando para o futuro lápidas de cartolina. E a combinación non puido ser máis divertida. 

Dentro do programa de Desenvolvemento Creativo mantido polo Museo Gas Natural Fenosa MAC (A Coruña), impartín un obradoiro de poesía visual no C.E.I.P As Chancelas (en Poio). Esta iniciativa ten como obxectivo achegar diversas manifestacións artísticas a cativos do rural galego. Para iso, a cada artista beneficiario/a dalgunha das residencias artísticas ofertadas polo museo asígnanlle un centro, dous grupos, un calendario, e cólganlle os hábitos de mestre por uns días para levar a súa disciplina creativa ás aulas. 


No obradoiro "O ollo que escribe", decidín traballar sobre a poesía visual, dende unha perspectiva non tanto teórica senón práctica. Quixen que os nenos (no meu caso, de 5º e 6º de primaria) lle perdesen o medo á poesía e ó momento de escribir. A miña sorpresa foi moita ó ver que moitos non llo tiñan, en absoluto! 

Exploramos exemplos de poesía visual de Chema Madoz e Joan Brossa para ver como as metáforas visuais e os xogos de palabras se poden convertir en imaxes. Aprendimos mediante sinxelos acrósticos a empregar figuras clásicas da poesía: a anáfora, a repetición, a metáfora, a comparación, a personificación... Descubrimos cos caligramas que os versos non só debuxan imaxes na cabeza de quen os le, senón que tamén salpican o folio de bonitas ilustracións. Fixemos de papel e tesoira as mellores varitas máxicas para convertir anacos de cores en collages que ilustran poemas. E todo isto, empregando Samaín como telón de fondo. A finais de outubro, é ben sabido que os centros educativos se enchen de cabazas, telarañas e morcegos para lembrar a tradición galega do día dos mortos. 


Como resultado, os nenos elaboraron murais nos que combinamos a práctica dos acrósticos coa elaboración de caligramas para crear unha combinación moi especial de poesía visual.  E así de bonito quedou! Descubrín moita, moita imaxinación e creatividade nesas cabeciñas, gusto por aprender e ganas de seguir escribindo. Agardo que non deixen de facelo.