28.1.17

Un videopoema que leveda

O ano pasado, abril trouxo a chuvia e levounos ao avó. Antes de que marchara, conseguín gardar recordo del facendo unha das cousas que mellor sabía facer: pan. 

É unha sorte de tradición que lembro dende pequena, a de amasar, cocer, sacar unha boa fornada de pan e empanada. Os avós sempre reservaban un anaco de masa para facernos unhas boliñas pequenas a miña irmá e mais a min. Eu devecía por tomar a miña nada máis saía do forno, aínda morna. 

Así naceu o videopoema "Adondar a lingua". A idea de gravar a meus avós neste proceso levaba levedando anos na miña cabeza. Entre as letras do poema orixinal xa estaban tamén miña avoa e miña nai. No vídeo final, amasamos toda a familia. 

Un día, decidín romper a barreira do íntimo e compartilo. E aínda non saín do meu abraio e agradecemento polo moito que viaxou. Agora mesmo hai máis de 800 persoas que viron a peza en Vimeo, a canle principal, recibín parabéns de moita xente que aprecio, vin como persoas que eu pensaba alleas á videopoesía se emocionaban co visionado, o vídeo foi reseñado nunha das webs de referencia da videopoesía internacional, MovingPoems, e incluso recibiu un premio Xuventude Crea.


Dende aquí, un inmenso GRACIAS. É emocionante comprobar como un sentimento persoal pode choutar así ata o colectivo. Oxalá siga levedando moito tempo.