Decembro comezou cun Nadal anticipado,
vestido dun rosa neón que deslumbra. Así, o primeiro contacto con "No seu
despregar".
Editada por Apiario, "No seu
despregar" é unha antoloxía que reúne "os temperos nerviosos"
que percorren a poesía actual. Eses temperos somos 18 poetas nacidos entre 1985
e 1997: Afonso
Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia
Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos,
Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía
Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.
As editoras, Antía Otero e Dores Tembrás, salientan que a selección non busca crear etiquetas, senón reunir distintas poéticas "que por diferentes motivos dialogan entre si, comparten referentes, lecturas, intereses e contexto". "Así nace esta obra, como un lugar de acceso a un pulso desaforado, a ese músculo vivísimo que bombea frescura, como un espazo no que coñecer poetas no seu despregar".
Ter o libro entre as mans é unha delicia. Todas as
publicacións de Apiario amosan, só a simple vista, o coidado proceso de edición
que levan detrás. Prestando maior atención apréciase o mimo, a consciencia, os
ollos ben abertos, o tempo adicado a cada escolla, o desexo de agasallar cun
produto valioso e prezado. Quen coñece ás editoras ben comprende e celebra os seus
modos de traballo.
Formar parte da
selección de poetas é para min un agasallo. Non só por ser acollida por un selo
cuxa liña editorial me encanta, senón tamén por estar acompañada de poetas que
admiro. Poetas que leo frecuentemente, que sigo nas redes e encontro en recitais, mesmo poetas que
descubro despregando entre as páxinas da antoloxía.
Oxalá estas páxinas despreguen as ás longo e lonxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario