13.9.12

Salsipuedes

Ultimamente as boas novas veñen da man, coma as cereixas. E deixan un sabor igual de doce na lingua (disto ben sabía Kiarostami).

O caso é que este sábado recito en Pamplona. Idoia por un lado e Víctor Zegarra por outro acolléronme cos seus brazos de cereixa e tendéronme a man para que pegara un chouto cara á vella Iruña. E eu, como non son nada difícil de liar, aceptei a aperta. 

Será un recital dos que merecen a pena, ou polo menos o esforzo de facer o camiño ó revés desde Compostela. Nace o colectivo Salsipuedes, cunha aposta pola fusión das artes e a súa difusión fóra dos habituais circuítos pechados. Comezará a tardiña cunha exposición de escultura e pintura na praza de San José, no corazón de Navarrería. Das follas das árbores pendurarán poemas. Despois, Víctor e máis eu uniremos as nosas voces como cereixas. E a música pechará a noite resonando entre pedras e aplausos. 


Se alguén anda por ahí e se anima, benvid@ sexa! 

P.D.: e atentos porque á volta teño moitas novidades gardadas do peto... o apelido empeza por audio-, remata en -poemas e o nome responde ás iniciais CD. Seguiremos informando...

2 comentarios:

  1. Eu camiñaba por esa praza hoxe a mañá, e cal foi a miña sorpresa cando me atopei esas maravillas penduradas das árbores, e pra máis, algunhas en galego. Non puiden ir onte pero disfruteino a miña maneira, foi un gran regalo. Moitas gracias :)

    ResponderEliminar
  2. Ai, o regalo é saber que eses versos fixeron sorrir! e comprobar que "hai un galego na lúa lúa...hai un galego na lúa..." :) graciñas a ti e ata a próxima!

    ResponderEliminar