20.9.11

O galego, esa curiosa lingua estranxeira

O sábado, despois do Encontro, fun á estrea d' A ópera dos tres reás no Teatro Colón da Coruña gracias á benevolencia de André (hai que saber escoller ben os amigos, sobre todo se estes regalan entradas e tés turcos tomados en teterías de conto).

Alba e máis eu xa entramos no teatro con certo escepticismo, sobre todo despois de oír as críticas dos colegas que foron antes ca nos, e que tildaban á obra de lenta, simple, con números musicais inconexos e desafines varios. O certo é que a nós, gustar gustounos. Non hai que confundir musical (de ritmo obrigatoriamente áxil e espectaular) con ópera, por moi moderna que sexa (a Bertold Brecht débeselle a introdución de técnicas de distanciamento-alienación, rotura da cuarta parede, sátira e alegoría social). Foi curioso comprobar a vixencia dalgunhas críticas sobre o poder corrompedor dos cartos, a hipocrisía das elites ou a súa doble moral.

Pero con diferenza o que máis nos sorprendeu e o que máis gargalladas nos arrincou foi a tradución ó galego. Ó principio era escangallante ver e escoitar con naturalidade expresións como "porcón", "o da faca", "hai que ir indo" (camiño á forca), "éche o que hai", e máis que xa non  lembro, sobre todo na fala coloquial dos personaxes, de carácter máis marcadamente galego. Escoitar iso, nunha ópera!! O que empecei tomando a risa, que graciosa queda esta tradución, ai ho isto dicho un amigo meu da Fonsagrada, ai mimadriña como poden poñer esta palabra, etc., despois fíxome pensar.

Por que a reacción foi de sorpresa? Por que estrañarse ou rirse ante un vocabulario "demasiado galego" nunha produción supostamente "seria" e de "altura" como pode ser unha ópera? Doeume vivir nas miñas propias carnes os efectos da case inexistente normalización que ten a nosa lingua hoxe en día. Ver un espectáculo así en galego (tan en galego) non debería resultar gracioso nin ruborizante. Debería ser o máis normal do mundo. Por moito que digan, o galego inda non acadou o estatus que se merece. De ser así, esta reflexión non se tería producido.

Coma a nosa, outras gargalladas agromaban en momentos puntuais desde distintos puntos do palco. E digo eu: no momento en que vivimos, no que o galego está desaparecendo a ritmo vertixinoso de cada vez máis ámbitos da sociedade, hai realmente esperanza para que a nosa lingua nai o siga sendo? Hoxe o xornal.com pechou definitivamente a súa fiestra online. Para min, os medios son (ó igual que a educación) a máis útil ferramenta para espallar e normalizar o idioma. Se cada vez quedan menos fiestras abertas para quen quere ver a realidade en galego, cal vai ser entón a visibilidade da nosa lingua? Non se acabará convertindo nunha lingua allea? Non acabará sendo para os galegos unha lingua estranxeira?

No hay comentarios:

Publicar un comentario