19.9.11

"A vangarda é dicir algo igual de nocivo, pero diferente"

O pasado sábado tiven a oportunidade de asistir ó  VI Encontro de Escritores Novos, promovido pola AELG. Desta volta, a xuntanza estaba enfocada ó tema da “pegada dixital”: novas técnicas e soportes para a escrita, desde revistas dixitais a blogues, como inflúen estas no acto de creación e cal é o seu estatus respecto ós medios tradicionais. Da rolda de conferencias (mantidas, entre outros, por Tati Mancebo, Estíbaliz Espinosa, Ana Cibeira, o Leo, Antía Otero ou Chus Nogueira) saíron cuestións tan interesantes como as seguintes:

Son os blogues unha obra en si mesma, ou unha “sombra” das publicacións escritas? É a poesía o xénero máis adecuado á lectura en medios dixitais? Como debería ser o consello editorial dunha revista dixital, atendendo ás difíciles cuestión do poder?  Como se vixían os dereitos de autor nunha publicación online? Manterase a teima da publicación escrita como consagración definitiva, ou vai haber un cambio de modelo orientado ó mundo na rede? As reflexións foron variadas, mais ben semellantes entre os poñentes.

Todos concordaron en que a relación blog versus libro non ten por que ser dicotómica. É evidente que a facilidade, os baixos custos e o grande alcance da rede axudan en maior medida á difusión da voz, mais non por iso é esta unha opción secundaria. Os formatos dixitais adáptanse moitísimo mellor ó tipo de contidos que priman na actualidade, cunha clara tendencia ó visual (como amosan os collages de Ana Cibeira ou Antía Otero), á mestura de xéneros e á interactividade. Por outra parte, son unha forma de rachar, segundo Estíbaliz Espinosa, os circuitos pechados da literatura, a egolatría e ansia de protagonismo que arrodea a algúns escritores. Na rede, di, o ideal sería que cada un fose un conxunto de letras que le a outros conxuntos de letras. Isto achégase á visión de Gaspar Domínguez sobre as redes sociais, un “karaoke autorreferencial” que amosa a nosa submisión ó mercado, a necesidade de crearse unha imaxe de marca e venderse. Non podo concordar máis coa súa análise (moi no estilo da Escola de Francoforte, o que me fixo recordar cun sorriso as clases de Outeiriño) do mundo da cultura hoxe, guiado polos intereses do mercado e das grandes industrias culturais. Chegados a este punto, houbo mención obrigada ás tres cabeceiras en galego que desapareceron na súa versión impresa xunto coas súas revistas literarias. Unha persecución que amosa a inseguridade e ameaza do panorama de medios na nosa lingua. Quizais, como di o Leo, a nosa deba ser “unha cultura non de conquista senón de resistencia”. Afianzar a presenza e supervivencia do galego e os galegofalantes  máis que conquistar lectores e falantes novos. Está claro que, fronte ós ataques, o mínimo que debemos facer é resistir. Mais o certo é que cada vez nolo poñen máis difícil.

Volvendo ás redes sociais. A presenza da literatura en redes coma Facebook ou Twitter é máis que palpable. Moitos dos presentes téñense sorprendido varias veces pensando nun estado para poñer no Facebook, argallando varios días un tweet. O Leo ten visto pura poesía nos estados do Facebook, por exemplo. “A poesía —di— non se crea, atópase. A poesía está aí fóra, son chispazos que están no día a día”. Hai que saber vela, e saber capturala. E tampouco é tan importante o medio que se empregue para facela voar.

Supoño que calquera soporte é bo pra insuflar aire á nosa cultura de resistencia. Hai que sumar forzas e aproveitar todas as ferramentas das que dispomos. Na última mesa de debate achegáronse solucións coma os contactos bilaterais e transversais con outras literaturas “estranxeiras” (internacionalizar a nosa, coñecer as demais) por medio das traducións, a creación dunha revista dixital que unise crítica, tradución e escaparate dos distintos xéneros, pular polos novos formatos dixitais en eidos coma o da educación... En definitiva, aunar esforzos e seguir creando para afianzar a nosa cultura, non ensimesmada, senón “demasiado galega”. "A vangarda é dicir algo igual de nocivo, pero diferente" (Ana Cibeira e Leo)

No hay comentarios:

Publicar un comentario